CRTVG

Buscar

A Entrevista

"O peche de ciclo político en Galicia debe de rematar de todo mediante unha convocatoria de eleccións"

10/06/2018 - 14:19 h

O voceiro de En Marea, Luís Villares, insiste na Radio Galega na necesidade dunha convocatoria electoral en Galicia en caso de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dea o paso para presidir o Partido Popular estatal. Na Entrevista, Villares asegura que se trata dun “peche de ciclo político” definitivo que na súa opinión “debe rematar de todo mediante unha convocatoria de novas eleccións” ao entender que a última campaña se centrou na figura do político popular. 

Villares, fronte aos críticos de En Marea que non consideran que sexa momento de eleccións, asegura que “a xente está farta do Partido Popular” e que “este estado de alegría” xerado tras a moción de censura que desaloxou a Mariano Rajoy da Moncloa “ten que ter translación en Galicia”. Nesa idea, Villares asegura que “a cidadanía para nós é quen ten que tomar as grandes decisións”.

Se hai un cambio de ciclo, como parece que vai haber coa marcha de Núñez Feijóo, o normal é que ese cambio de ciclo non veña seguido dunha interinidade onde se poña un presidente que ninguén escolleu

É máis, segundo o líder da formación instrumental, “é lícito en termos constitucionais? Éo”  pero “É o normal en termos políticos? Non, non o é”.

O normal en termos políticos é que se hai un punto e á parte, a cidadanía sexa protagonista de dar ese punto e á parte

Villares reivindicou o papel de En Marea na chegada de Pedro Sánchez á Moncloa ao asegurar que “En Marea foi determinante no cambio político en España”. Unha vez rexistrado ese cambio, o líder de En Marea marca tres asuntos prioritarios que lle pedirán ao novo Executivo. O primeiro deles é “avanzar nun financiamento autonómico” que permita que “os mozos galegos emigrados poidan retornar”, que “a mocidade que temos aquí non teña que emigrar” e que ese financiamento sirva para “reverter a sangría demográfica” que sofre Galicia. Tamén fixa como prioridade que o Goberno de Pedro Sánchez “execute o corredor atlántico” ferroviario que permita “vertebrar todo o interior de Galicia”. Tamén en infraestruturas, Villares pide a “transferencia inmediata da AP-9” e aínda máis, que sexa “rescatada para o público”. Fronte ás dúbidas amosadas polo voceiro parlamentario do PSdeG na Radio Galega respecto á marxe temporal, Villares di que “se hai vontade política, tempo dá” e “iso pode ser antes da final de ano”. O líder de En Marea e voceiro no Parlamento galego tamén considera que o grupo de En Marea no grupo confederal do Congreso ten que ter un papel relevante.

A estratexia do grupo confederal en que traballamos conxuntamente non pode ser unha escusa para que as prioridades galegas queden postergadas e nós non estamos dispostos nin dispostas a consentilo

O líder de En Marea segue apostando polo “modelo de unidade” do partido instrumental ante as voces de responsables doutras formacións que participan de En Marea que apostan pola coalición. Para Villares, a fórmula actual “é o mellor para integrar o conxunto da cidadanía que quere un cambio político en Galicia”

O voceiro de En Marea cualifica como “expresión desafortunada” as palabras da coordinadora de Esquerda Unida que tildou como partido “ornamental” á formación instrumental. Para Villares, foi “fundamental” para ser segunda forza política en Galicia. Ante as voces discrepantes, Villares avisa que “os que teñan intención de baixarse van ter que dar moitas explicacións”

De cara ás eleccións locais, e tras o acordo entre Izquierda Unida e Podemos, Villares di agardar que  neses comicios non concorrarn varias marcas da esquerda rupturista e cre que iso “vai depender da vontade de cada marea".

Iso ten que quedar moi claro, porque ninguén a 600 quilómetros nos pode impoñer de que forma se presenta cada marea ás eleccións

Admite que se algunha marea “quere ir coaligada é moi libre” pero insiste en que non se vai marcar dende fóra “nin o nome da papeleta nin a forma en que se presentan”.

O voceiro de En Marea, quen días atrás deu por pechado  o caso da deputada Paula Quinteiro, recoñece que “se ela o decide, seguirá” no Parlamento.

Cando chegue o momento e haxa outras primarias para volver escoller cargos de representatividade serán as inscritas e os inscritos quen dirán se unha persoa con ese comportamento debe de revalidar na representación pública en nome de En Marea 

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí