CRTVG

Buscar

A Entrevista

“Estou seguro de que Quinteiro actuará con absoluta responsabilidade"

06/05/2018 - 14:10 h
“Estou seguro de que Quinteiro actuará con absoluta responsabilidade

O voceiro parlamentario de En Marea e voceiro do partido instrumental, Luís Villares, avanza en A Entrevista da Radio Galega que a consulta ás bases sobre a continuidade ou non no Parlamento da deputada Paula Quinteiro se desenvolverá “ao longo do mes de maio”. Malia recoñecer que “o propio regulamento da consulta prevé que a opinión ten carácter político e non vinculante” e ante a posibilidade de que Quinteiro non asuma ese resultado, Villares di que está “seguro de que actuará con absoluta responsabilidade unha vez que coñeza o resultado, ao igual que faremos o resto das persoas do espazo político”. Segundo o voceiro de En Marea, os inscritos “van ter a palabra para un tema que para nós ten grande transcendencia política” e admite que as cousas se poderían ter feito doutra maneira aínda que sitúa a responsabilidade na propia Quinteiro ao asegurar que “quen tiña que ser interpelada a propia responsabilidade e a súa propia actuación é a persoa responsable dos feitos que coñecimos”.

Respecto  á actitude da secretaria xeral de Podemos, Carme Santos, nesta polémica, Villares di que a el o que lle interesa “é a posición política que sostén o espazo político de En Marea no seu conxunto” e destaca que “ningunha opinión concreta ou ningunha persoa concreta está por riba”. Fronte a opinión de Xoan Hermida, que renunciou á súa acta de deputado esta semana, e que chegou a apuntar a que se intentaba perseguir a Villares, o directamente atanguido dixo que a el non lle gusta “personalizar en ninguén” e que “o importante neste caso é resolvelo canto antes”. A diferenza entre En Marea e outras formacións políticas como o Partido Popular, segundo Villares, é que teñen “uns debates que se afincan nunha grande esixencia ética para con nós mesmos” e define a formación instrumental como clara, “contundente” e “transparentes”. Características que para Villares redundarán nun “reforzo da confianza da cidadanía en En Marea”.

Ante as discrepancias evidenciadas entre a dirección do partido e do grupo parlamentario, o voceiro de ambos dixo que lle “preocupa só limitadamente” porque “temos unha forma de resolver ese falso dilemo. Temos unha representación institucional e unha dirección orgánica” e as “dúas con mesma fonte de lexitimidade”. Debido á dimisión de Juan Merlo como deputado e a posterior renuncia de quen ía substituílo, Xoán Hermida, queda libre unha acta no grupo parlamentario que lle correspondería á pontevedresa Julia Torregrosa, de Podemos. Unha vez que a propia Torregrosa expresou a súa vontade por tomar posesión da acta, Villares desvelaba que mañá luns será cando previsiblemente acepte a acta. Segundo dixo, “a compañeira Torregrosa aínda non aceptou a acta de parlamentaria, é previsible que o faga durante a xornada do luns”. Unha vez se produza esa situación, Villares recoñeceu que recibirán dela “información directa” para “ter unha opinión mellor formada” sobre o episodio no que un coche sen seguro da propiedade de Torregrosa se viu implicado nun accidente con feridos.

O voceiro parlamentario de En Marea e tamén do partido instrumental insiste en asegurar que “En Marea funcionará se a cidadanía apoia ou segue apoiando” fronte ás declaracións de Carmen Santos nas que asegurara que En Marea non funcionou. Villares augúralle “ao proxecto político de En Marea moitísimo futuro e a quen non, terá que ver a forza dos feitos como nos levará a que si”. Ante unha eventual andaina en solitario de Podemos fóra de En Marea, Villares lembra que “Podemos forma parte -inescindible e imprescindible- do proxecto de unidade popular de En Marea” e que “a fórmula de éxito de En Marea, a confianza política, social, a confianza electoarl de En Marea vén porque fomos capaces de poñernos de acordo”. Nesa liña, e ante unha eventual loita de Podemos  porque apareza a súa marca na papeleta, Villares dixo que “a nada que a dirección de Podemos escoite as súas propias bases e que escoite o conxunto do espazo político de En Marea e que escoite ao conxunto da cidadanía de Galicia verá que é moito máis útil, moito máis produtivo a unidade”. Sobre unha posible presentación de candidaturas rupturistas independentes nas municipais, Villares dixo que están “empeñados en que iso non sexa así en que os espazos de unidade converxan tamén no ámbito municipal”. Villares rexeita mirar similitudes para En Marea noutras comunidades, caso dos Comúns en Cataluña ou de Compromis en Valencia. Para o voceiro do partido instrumental, “temos que ter fórmulas que sexan coherentes co país en que vivimos” e insiste en ver a “tódalas correntes traballando na mesma dirección, outra cousa é que puntualmente alguén nalgunha dirección estea pensando noutras festas”.

O voceiro parlamentario de En Marea non se pronunciou abertamente sobre o apoio da formación á convocatoria de folga xeral feita pola CIG. O que si recoñeceu é que “vivimos nun proceso de mobilización crecente” e dixo que “se a CIG é capaz de acadar esa transversalidade a convocatoria será existosa e polo tanto as forzas políticas o único que teremos que facer é acompañar ese proceso de mobilización”. Tamén criticou a actuación da Xunta, do presidente e do vicepresidente, por “irresponsabilidade” na xestión da folga dos funcionarios autonómicos de xustiza. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí