CRTVG

Buscar

A Entrevista

"Que mellor que Alberto Núñez Feijóo como presidente de Galicia de novo"

15/04/2018 - 14:10 h

O presidente da Deputación de Ourense e do PP provincial considera factible conseguir a maioría absoluta no concello de Ourense e di de Jesús Vázquez que é o mellor alcalde que pode ter a cidade

O presidente da Deputación de Ourense e do PP ourensán, Xosé Manuel Baltar, expresa na Radio Galega a súa crenza en que Alberto Núñez Feijóo volverá ser candidato do PPdeG á presidencia da Xunta. Na Entrevista, ao preguntarlle por se o actual presidente da Xunta optará á reelección, Baltar dixo que “se el quere non vai ter ningún problema” e engadiu un “eu creo que si” para reforzar a súa tese.  Baltar destaca de Núñez Feijóo que foi quen de “conseguir en tempos politicamente difíciles a única maioría absoluta dun goberno autonómico en España” e incidiu en que o galego “con todo o apoio do partido non só en Galicia senón en tódalas partes de España”

Sobre un eventual salto de Núñez Feijóo á política estatal, Baltar ironizou ao lembrar que “iso do salto o vén dicindo a xente dende que chegou aquí o primeiro día”. Para Baltar, “hai un salto importante que é ser o primeiro ministro de Galicia” e "tendo un galego como presidente do Goberno, como é Mariano Rajoy, que non dubide que o vai seguir sendo despois das próximas eleccións xerais”. Para o líder provincial ourensán “que mellor Alberto Núñez Feijóo como presidente de Galicia de novo”.

De cara ás municipais do ano que vén, Baltar di que o teito da súa formación “son as 92 alcaldías”  porque di que “nós non nos imos conformar con ningún resultado que das urnas non saian alcaldes e alcaldesas populares” e lembrou que é a única deputación cun goberno con maioría absoluta e cun “imos por todas” enfatizou o seu obxectivo. Ante eses comicios, Baltar tamén destacou que xa teñen “89 dos 92 candidatos” e din que están “absolutamente tranquilos” á hora de prepararse para as urnas ao asegurar que “todos os días temos xuntanzas e reunións nos comités locais”.

Na capital, Ourense, onde o PP goberna en minoría, Baltar aseverou que “Jesús Vázquez é o mellor alcalde que pode ter Ourense” á hora de posicionarse sobre se repetirá como cabeza de cartel do PP. No que Baltar se amosou rotundo foi na posibilidade de que en Ourense o  PP poida conseguir maioría absoluta. “Absolutamente”, respondía o líder provincial do PP ante a cuestión de se o ve ou non factible. Para reforzar esa convicción, Baltar destacou que os grupos da oposición non se puxeron de acordo en quitar o alcalde do Partido Popular” polo que para Baltar “quere dicir que a desconfianza entre eles é tremenda e non hai proxecto alternativo ao do Partido Popular”


O presidente da Deputación de Ourense tamén falou da situación noutras deputacións e noutras formacións políticas. Respecto á crise de goberno na institución provincial de Lugo coa expulsión do executivo de Manuel Martínez, Baltar di que é “reflexo da situación do Partido Socialista en Galicia e en España tamén”. Non só iso senón que para Baltar, na Deputación de Lugo "é un teatro dende o principio de mandato” e acontece -apunta- “por non ter as cousas claras”. Á hora de describir o panorama político galego, Baltar asegura que “non hai entidade suficiente nin no Bloque nin no PSOE” e opina que  “non se recuperaron do 1 de marzo de 2009 cando perderon o bipartito da Xunta” e mesmo augura que “é unha deriva a peor en todos os casos”. No que atinxe a En Marea, Baltar asegura que “as razóns para non confiar en En Marea apareceron no minuto un” ao tempo que di que “en política, os radicalismos no van ser apoiados pola maioría dos cidadáns”.

Na fin de semana en que o Partido Popular estatal celebrou en Zamora unha convención sobre medio rural e reto demográfico, Xosé Manuel Baltar asegura que a súa deputación está “traballando moi estreitamente coa comisionada do goberno español para o reto demográfico” e explicou que o grupo de expertos GENPLUS da Universidade, dirixido por Santiago Lago, propón pedir en Europa que Ourense sexa un “territorio piloto para poñer en marcha determinadas cuestións”.  Segundo Baltar, esta situación “ímola ter que aproveitar” para que se poñan en marcha determinadas políticas públicas.  

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí