CRTVG

Buscar

A Entrevista

Jorge Suárez, alcalde de Ferrol

14/05/2017 - 14:10 h
Jorge Suárez, alcalde de Ferrol

Jorge Suárez anuncia na Entrevista da Radio Galega unha actuación conxunta dos tres alcaldes rupturistas para salvar as fendas evidenciadas en En Marea no proceso de elección da súa dirección. O rexedor ferrolán fai autocrítica.

Falamos demasiado de nós mesmos e estamos afastándonos dos problemas reais que hai na rúa

E insiste en criticar que o voceiro Luis Villares compatibilice a portavocía orgánica coa parlamentaria: "a duplicidade de cargos non é boa". Suárez non cre que exista risco de ruptura, pero entende que dada a situación á que se chegou Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e máis el deben dar un paso á fronte.

Mantivemos sempre unha posición unánime os tres alcaldes. E creo que nalgún momento como figuras simbólicas deste proceso deberemos ter outra vez unha actuación destacada para tratar de limar todas as asperezas

Nese sentido censura as críticas de Xosé Manuel Beiras a Yolanda Díaz.

Non creo que foran xustas. Non podo considerar xusto nunca que un compañeiro chame traidor públicamente a outro, igual que non o consideraría se Yolanda Díaz dixera o mesmo de Xosé Manuel Beiras

Matiza que "son discrepancias que hai nun momento puntual", pero advirte en todo caso que "expoñer públicamente as diferenzas nun debate que é lexítimo entre diferentes sensibilidades non conduce a nada enriquecedor".

A piques de facer dous anos a fronte da alcaldía, Jorge Suárez amósase disposto a repetir como candidato de Ferrol en Común nas próximas eleccións municipais: "se a organización o decide e a asamblea o decide estarei disposto a repetir". Pero asume que "aspirar a unha maioría absoluta sería estar fora da realidade".

O Partido Socialista e o BNG deben facer unha reflexión o mesmo que nós, tamén autocrítica, do labor que estamos facendo, se queremos que a esquerda siga gobernando

Tras a ruptura do pacto de goberno cos socialistas, o rexedor di que non se sinte traizoado por Beatriz Sestayo porque "realmente é algo que esperaba. Considero que a súa traxectoria política está baseada neste tipo de actuacións". En todo caso trata de tender pontes cos socialistas: "O PSOE é moito máis que a figura dunha persoa" e reivindica que ten boa relación cos líderes provinciais da formación.

Suárez síntese respaldado na rúa e afirma que "nós non imos tirar a toalla", pero insta a PSOE e PP a presentar unha moción de censura logo do acordo para retirarlle as competencias económicas ó equipo de goberno municipal. Denuncia que "hai unha operación de acoso e derrubo contra este goberno".

Mostra a cobardía porque se alguén quere dinamitar o labor do goberno o que está facendo é dinamitando a cidade en si mesma

En todo caso amósase en contra de xudicializar o caso porque "a xustiza ten casos máis graves de que ocuparse" e anuncia que "recorreremos ó Consello Consultivo para ver se esa disposición aprobada nunha moción realmente é nula de pleno dereito".

Suárez tamén se molla nas primarias socialistas a favor de Pedro Sánchez. "A nivel estratéxico os movementos da esquerda rupturista conviríalles máis que gañase Susana Díaz porque iso faría medrar a eses movementos" pero recoñece a valentía de Sánchez e conclúe que "se fose militante socialista apostaría pola figura de Pedro Sánchez".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí