CRTVG

Buscar

A Entrevista

“Non descarto ao longo da lexislatura unha responsabilidade institucional”

22/04/2018 - 14:10 h
“Non descarto ao longo da lexislatura unha responsabilidade institucional”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,  abre a porta a asumir algunha responsabilidade institucional, en caso dunha eventual entrada no Parlamento galego, onde concorreu nas listas de Pontevedra nas autonómicas de 2016. Aínda que admitiu que non sabe nin cando nin como, porque “non teño ningunha inmediatez nin présa para facelo”, si recoñeceu que non o descarta. “Estou ao servizo do PSdeG”, dixo para logo engadir que ”a mellor forma que teño de facelo é mantendo o meu traballo diario”.

Vou seguir na Universidade de Vigo como docente investigador, proximamente, pero á vez tamén lle digo que non descarto ao longo da lexislatura ter unha responsabilidade institucional como secretario xeral dos socialistas galegos

Se me preguntan cando, de que maneira?  Sinceramente non está decidido nin teño ningunha inmediatez nin présa para facelo

Nesa liña, Gonzalo Caballero loou o labor que desenvolve o actual voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, de quen dixo que fai un traballo “sólido” e por iso se amosa “tranquilo e satisfeito” co que fai o portavoz.

Malia insistir en que o seu principal reto é “construír eses cimentos, esas bases que poidan xerar un cambio político en Galicia”, Gonzalo Caballero recoñeceu que “imos ter unha primeira cita electoral” nas municipais e que “para iso estamos traballando arreo”.  O líder dos socialistas aproveitou para lembrar o legado deixado polos socialistas cando gobernaron ao asegurar que “alí onde gobernan os socialistas hai boa xestión municipal”.

Sobre os nomes concretos que se barallan para encabezar candidaturas, caso de Xosé Antonio Sánchez Bugallo, quen fora alcalde de Santiago, Caballero non quixo pronunciarse abertamente. Tras dicir que están “en fase de orientar o rumbo das municipais” e que aínda non teñen “o calendario para a elección definitiva dos candidatos e candidatas”, de Bugallo limitouse a afirmar que “foi alcalde de referencia” e que a partir de “aí temos que enfocar os próximos procesos de acordo coas nosas regras”. “Bugallo sóame como excepcional alcalde que tivo a cidade de Santiago”, teimou Caballero á hora de preguntarlle pola súa opinión persoal polo ex-rexedor e explicou que “sexa quen sexa o candidato a alcalde vai ter o apoio do secretario xeral do PSdeG” porque para Caballero o importante é “dar un proxecto en clave municipal para o conxunto dos concellos”.

Nesa mesma tese, ao preguntarlle por Beatriz Sestayo, Gonzalo Caballero limitouse a asegurar que “Sestayo ten todo o meu respecto para o seu proxecto”.

Ante a posibilidade de que o que fora vicepresidente da Deputación de Lugo, o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, (sobre o que plana unha ameaza de expulsión do partido socialista por romper a disciplina de voto), impulsase unha lista alternativa ao PSdeG na provincia de Lugo, o secretario xeral do PSdeG quitoulle ferro. Sen meterse de cheo no asunto, Gonzalo Caballero lanzou a dúbida sobre o percorrido das “candidaturas independentes” durante a democracia española “máis alá do municipal”. Para Caballero, as estruturas que permanecen son os partidos.

Respecto a outras formacións, criticou o papel do PP en cidades como a de Ourense ao incidir en que “non teñen capacidade de aprobar os orzamentos municipais”. Mesmo en xeral, di que “perde pulo”. Sobre Ciudadanos, fala de “burbulla laranxa” e augura que “vai picar”. Caballero cre que “ese escenario de crecemento de Ciudadanos en España e en Galicia non se produce”. No que atinxe a En Marea, Caballero falou de Podemos para dicir que “está nun escenario de retroceso no conxunto do estado” e que iso vai “afectar a Podemos e outras forzas análogas no conxunto de Galicia”

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí