CRTVG

Buscar

A Entrevista

Francisco Conde, conselleiro de Industria

26/03/2017 - 14:10 h
Francisco Conde, conselleiro de Industria

Francisco Conde amosouse convencido este domingo na Entrevista da Radio Galega de que os datos de paro que se coñecerán nos primeiros días de abril constatarán que se segue creando emprego na nosa comunidade.

Claramente. Esa é a tendencia e creo que a evolución das exportacións e do índice de producción industrial que están marcando récords históricos lóxicamente está axudando tamén a esa diminución do paro

E nese sentido mantén como meta ter reducido en 2020 a taxa de paro ó 10%, o que implicaría reducir en entre 80.000 e 100.000 o número de desempregados en Galicia.

O conselleiro de industria aposta pola internacionalización e a innovación como piares do desenvolvemento económico de Galicia e bases para afrontar novos retos como o Brexit.

O empresariado galego está demostrando que en materia de internacionalización estamos facendo ben as cousas, temos estratexia, temos producto e estamos desenvolvendo un saber facer no eido internaiconal que nos está permitindo ano a ano batir os récords de exportacións

De igual forma resalta as oportunidades que hai tanto para sectores emerxentes como para os estratéxicos da nosa economía na aposta pola "industria 4.0" co impulso á innovación e as novas tecnoloxías. Esa é a receita que ofrece para competir na captación de investimentos con países como Portugal.

Galicia ten que competir sobre todo en innovación e na economía dixital e polo tanto nós non podemos competir con Portugal en salarios. A capacidade competitiva que ten Galicia está na innovación, está no noso talento. Creo que temos exemplos claros no sector da automoción

E nesa dirección resalta os éxitos de Citroën

Vai investir máis de 600 millóns de euros precisamente para ser máis competitiva na industria 4.0 e no desenvolvemento do coche autónomo. Ese é o camiño para ser competitivo e polo tanto é ese é o camiño que marca primeiro que o sector da automoción en Galicia ten un horizonte de 10 anos e segundo que nestes momentos a factoría de Citroën e polo tanto o conxunto do sector da automoción ten cada vez máis capacidade para competir por novos modelos

Unha aposta pola innovación que extende precisamente ó Polo Tecnolóxico de Rozas.

A Xunta vai poñer en marcha de forma inmediata as licitacións de compra pública innovadora que van permitir establecer solucións innovadoras para a prestación de servizos públicos por parte da administración. Creo que Rozas é un exemplo claro de como hai oportunidades no desenvolvemento dun sector emerxente e sobre un sector que está vinculado á innovación e o coñecemento

Francisco Conde pon en valor o plan aprobado pola Xunta para fixar poboación no rural que, explica, será posible "na medida en que creemos oportunidades de emprego". O titular de Industria da Xunta percibe a existencia desas oportunidades en sectores como o lácteo, o vitivinícola, o pesqueiro ou o forestal e incide en que hai que "poñer o foco na transformación e na xeración de valor engadido nas actividades vinculadas ó rural".

Conde tamén aproveitou o seu paso polos micrófonos da Radio Galega para facer un chamamento a traballadores e empresa en Nueva Pescanova no marco do proceso de intermediación que vén de impulsarse: "esperamos que se poidan dar pasos para que deste proceso saia unha Pescanova máis forte e lóxicamente cunha posición dos traballadores na que se poida defender os seus dereitos".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí