CRTVG

Buscar

A Entrevista

"A recuperación económica tamén ten que ter un reflexo na evolución dos salarios"

19/11/2017 - 14:10 h

Francisco Conde asegura, en relación a Portugal, que Galicia "non pode competir baixando salarios"  e nega deslocalización.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde apostou na Radio Galega por que a recuperación económica se traslade tamén aos "incrementos salariais". No espazo A Entrevista, Conde dixo que "na medida en que as empresas melloren a súa produtividade hai que trasladar esa mellora de produtividade aos incrementos salariais".

Galicia, nestes momentos está nesa senda e polo tanto, Galicia ten claro que a recuperación económica tamén ten que ter un reflexo na evolución dos salarios

Loxicamente aí creo que hai unha corresponsabilidade por parte dos empresarios que estou seguro que entre todos vamos conseguir que esa recuperación económica se traslade aos salarios

Respecto ao posible risco que pode supor Portugal para a economía galega, Conde rexéitao ao asegurar que "Portugal pode ter o mesmo risco que Marrocos, que a India ou que calquera outro país low cost".

Galicia non pode competir baixando salarios. Galicia ten que competir en materia de innovación e polo tanto nós non temos que ver a competencia de Portugal

Mesmo insistiu en que na economía global hai que apostar pola "innovación" e por unha "administración facilitadora"

No diálogo, o conselleiro de Economía puxo de manifesto a importancia das exportacións para o PIB galego e incidiu en que "crecer significa mercado" polo que avogou por "afianzar" o mercado das exportacións. A "vía da internacionalización", indicou, é importante "para crear emprego de calidade" e citou a automoción, o naval, o aeronáutico como sectores "onde temos que explorar esas oportunidades para que ese PIB a través das exportacións poida seguir medrando".

Tras sinalar como mercados prioritarios os asiáticos e os latinoamericanos en materia de internacionalización, Conde tamén admitiu ter percibido na súa recente visita a México interese por investimentos en Galicia. Nesa liña, aludiu a unha xuntanza co ministro de Economía de México na que se concretou a posible organización dun "evento para presentar Galicia aos investidores mexicanos" e  que os investidores mexicanos poidan "identificar a Galicia como lugar de investimento".

A internacionalización ten que ser de "dobre vía", explicou, "abrir oportunidades para os nosos exportadores" pero tamén "abrir Galicia para que investidores mexicanos teñan a oportunidade de identificar Galicia como unha  plataforma que lles abra camiño tamén á Unión Europea". Segundo Conde, o "noso obxectivo" é que "Galicia sexa a plataforma loxística do sur de Europa"

Na véspera do debate da totalidade dos Orzamentos da Xunta para 2018, Conde cualificou as contas como "expansivas e de crecemento". Segundo afirmou, son "unha oportunidade para que os diferentes sectores produtivos teñan o acompañamento que precisan da Administración" e fixou o emprego como "obxectivo principal" das políticas da Xunta.

Programa de entrevistas
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí