CRTVG

Buscar

A Entrevista

“Do que se trata é de ser capaces de elixir os mellores candidatos”

27/01/2018 - 08:16 h
“Do que se trata é de ser capaces de elixir os mellores candidatos”

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, avanza na Radio Galega que haberá cambios nas candidaturas da súa formación para as sete grandes cidades de cara ás municipais de 2019. Nunha entrevista no Galicia por Diante, Tellado limitouse a contestar cun “si” á pregunta de posibles modificacións nas candidaturas, sen entrar en máis detalles. Para o secretario xeral do PPdeG, “do que se trata é de ser capaces de elixir os mellores candidatos, elixir os mellores equipos que acompañen a eses candidatos e elaborar proxectos de futuro para cada unha desas cidades”.

O  popular entende que, se son “capaces de ofertar os mellores candidatos”, equipos e programas, “estou convencido que recuperaremos a confianza”. O seu reto, fixou, é o goberno das sete cidades e das catro deputacións. Premisas de Tellado tras admitir que nas municipais de 2015 tiveran “un problema electoral” ao perder “moitas alcaldías, nas cidades especialmente”.

O secretario xeral do PPdeG tamén dá por amortizados os episodios de corrupción que salpican ao PP noutras comunidades, ao fío do caso da trama Gürtel en Valencia. Aínda que non obviou a autocrítica.

O Partido Popular xa ten pagado nas urnas o desgaste de determinados casos de corrupción porque eu estou seguro de que neste partido non estivemos á altura das circunstancias e probablemente non actuamos coa contundencia que a cidadanía reclama fronte a determinados casos

Ante a rivalidade que poida haber con Ciudadanos, no que atinxe á nosa comunidade, Tellado entende que “Ciudadanos en Galicia non existe” e “Ciudadanos en Galicia nunca tivo espazo político no que instalarse”. Aínda así, o número dous dos populares galegos aposta porque “no Partido Popular temos que estar preocupados ante o escenario electoral que se aveciña” pero insta a reivindicar a súa forza e que “no noso partido non haxa ningún complexo fronte a calquera outra formación política”.

Declaracións de Tellado a só unhas horas da celebración en Santiago da Convención Nacional de Educación do Partido Popular. Unha cita que Tellado  considera “non casual” que se celebre en Galicia porque na súa opinión “o sistema educativo galego é un referente para o conxunto do sistema educativo nacional”

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí