CRTVG

Buscar

A Entrevista

"As tensións internas van danar a imaxe de Podemos e de En Marea en Galicia e, polo tanto, a nivel municipal”

25/03/2018 - 14:10 h

A presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, augura na Entrevista da Radio Galega que as friccións existentes no seo de En Marea e as formacións que a conforman acabarán pasándolle factura nos concellos.

Á xente non lle gustan nada as liortas internas dos partidos políticos nin as diferenzas. Eu creo que iso é unha evidencia. É difícil convencer á xente de que vas poder gobernar e que vas poder tomar decisións seguramente nunha contorna onde non volverá haber en moito tempo maiorías absolutas, polo tanto, onde vai a ter que haber a capacidade de construír, de fiar acordos para poder  gobernar, pois é difícil convencer á xente de que será posible se dentro dos propios partidos políticos non hai a capacidade de ter posicións comúns

 Creo que vai danar a imaxe de Podemos e de En Marea en Galicia e polo tanto a nivel municipal

Respecto á controversia arredor da deputada de En Marea Paula Quinteiro, Silva entende que “cometeu un erro moi importante”, “grave”  e que "cando menos ten que pedir desculpas públicas”. Ben é certo que previamente a socialista admitira que non lle gusta “criminalizar a ninguén” e non concorda con “comportamentos onde se intenta queimar na praza pública á xente”

Durante a conversa, Carmela Silva dá por feito que o PSOE manterá o goberno da institución provincial tralas municipais de 2019. Malia asegurar que “falta moito tempo” e “non toca aínda” falar de se ela quere repetir no cargo, Silva si falou das enquisas para asegurar que está “convencida de que o partido socialista vai ter mellor resultado do que as enquisas din” e aínda máis, segundo a presidenta da Deputación, os resultados dos socialistas na provincia van ser “extraordinarios” e asegura que “van ser tan extraordinarios que a día de hoxe podemos dicir que imos manter o goberno da Deputación”.

Doutra man, Silva entende que “quen ten que estar moi preocupado é o Partido Popular, que está caendo como unha pedra” tanto no nivel do estado como en Galicia, na súa opinión. Silva aprecia que “empeza a haber unha deterioración moi importante do presidente da Xunta” e compara co partido socialista para asegurar que “os nosos alcaldes está moi ben valorados”. Como exemplo puxo ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para quen Silva augura “que en xuño de 2019 vai superar ese 52%” en relación á porcentaxe acadada nas anteriores municipais. Sobre Ciudadanos, a presidenta da Deputación recoñécelle á formación laranxa que “acertou no seu discurso en Cataluña” e “iso ten unha gran repercusión en nivel estatal” pero aféalles que “están a facer propostas que cren que contan co apoio maioritario da cidadanía tamén sen dicir como  farían”. Asegura que hai que estar atentos nos próximos tempos ao papel de Ciudadanos pero no que atinxe á provincia de Pontevedra, “vai supoñer moi pouco” de cara ás próximas municipais.

Sobre unha eventual comarcalización dos parques de bombeiros, Silva di descoñecer que haxa “nada” ao respecto. Di que “non hai nada detrás desa comarcalización”. Para a presidenta de Deputación da Provincia de Pontevedra “isto é un intento máis do señor Rueda, especialista en montar lío, de montar lío”.

Carmela Silva tamén criticou a actuación da Xunta na crise da auga ao entender que “fixo todo mal” cando se falou do posible transvasamento do río Verdugo. Censúralle Silva ao goberno autonómico que “non falou co alcalde de Pontecaldelas, fíxoo pola vía do feito” e insiste en que as políticas de augas é transvasamentos é da Xunta. Do que non quixo falar foi do alcalde de Pontecaldelas, que dimitiu como número dous do PSOE provincial tras unhas palabras criticas de Abel Caballero cara a súa persoa. Silva argumentou que non está nin nas direccións galega nin pontevedresa do partido e que só fala da Deputación de Pontevedra e dos problemas da xente.  

 

Programa de entrevistas
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí