CRTVG

Buscar

A Entrevista

"O que máis me preocupa é que aínda non coñezamos a proposta do Goberno galego en materia de financiamento"

26/11/2017 - 14:12 h

Pontón na RG: "O Partido Socialista terá que explicar por que fai unhas contas coas que Galicia sae perdendo e o que máis me preocupa é que aínda non coñezamos a proposta do Goberno galego en materia de financiamento"

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, criticou na Radio Galega a postura do PSOE e do PP, e tamén do Goberno galego ante a inminente negociación do novo sistema de financiamento autonómico. Na Entrevista, Pontón apúxolle ao actual goberno da Xunta "submisión" e considera "sangrante" que o "presidente da Xunta non teña ningunha proposta que facer". Mesmo asegura que "a submisión de Alberto Núñez Feijóo ao Goberno central nos sae por un ollo da cara aos galegos" e puxo como exemplos "peaxes máis altas, recortes nos investimentos do Estado..".

Preguntada pola diferenzas cos socialistas galegos á hora do modelo de financiamento e  o rexeitamento a un cupo para Galicia, Ana Pontón dixo:

Terá que ser o Partido Socialista quen explique por que fai unhas contas coas que Galicia sae perdendo e por que están máis preocupados por defender un sistema centralista que non por defender un sistema que nos daría capacidde non só para que as empresas tributen no noso país, senón que poidamos facer fiscalidade máis xusta e neste tema. O que máis me preocupa é que aínda non coñezamos a proposta do Goberno galego en materia de financiamento 

Para Pontón, un acordo beneficioso para Galicia sería un no que se conseguise "capacidade fiscal plena para Galicia, capacidade para recadar os nosos impostos e que logo negociemos co Estado canto temos que achegar por aquelas competencias que ten neste momento o Estado". E pregúntase por que se PP e PSOE consideran o cupo vasco beneficioso para Euskadi e Navarra non o defenden para Galicia. 

No político, ante o concepto nación, Pontón asegura que  "nós xa somos unha nación" e "que como nación temos unha serie de dereitos" polo que na súa opinión, "canto maior capacidade de decisión teñamos sobre aqueles asuntos que afectan ás nosas vidas mellor nos vai ir".

A voceira nacional do BNG tamén se amosou escéptica ante a recén activada comisión especial de estudo e análise das reformas da política forestal. Tras criticar ao Goberno galego ao asegurar que o modelo forestal en Galicia está marcado polos "intereses da empresa ENCE", Pontón asegurou que a súa formación participará na comisión pero advirte da lentitude dos traballos e insta a axilizalos.

Imos participar na comisión pero estamos vendo con preocupación os primeiros pasos que é un ritmo absolutamente lento nos traballos dunha comisión que ten que enfrontar un debate complexo pero que temos base suficiente no país como para dalo

Nós o que queremos é que nesa comisión se axilicen os seus traballos, que empecen as comparecencias canto antes neste mes de decembro" e que "realmente haxa vontade para poder cambiar algo

Na conversa, preguntada pola súa opinión ante o novo líder do PSdeG, Pontón limitouse a dicir que "aínda é moi cedo para saber que esta pasando no PSdeG", non obstante si admitiu que ve "con preocupación ese achegamento a Rajoy qu está tendo o Partido Socialista a nivel de Estado a posicións cada vez máis centralistas e xacobinas". Respecto á situación de En Marea, en concreto trala votación rexistrada esta semana no Parlamento no que catro deputados do grupo evitaron votar co resto dos seus compañeiros unha iniciativa do BNG sobre o artigo 155 da Constitución, Pontón eludiu pronunciarse e aras do "respecto" que ten a outras organizacións. Dixo que "cada forza política ten as súas propias dinámicas internas" e dixo que non vai "facer de oposición da oposición". Actitude que lle atribúe de forma crítica ao presidente da Xunta.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí