CRTVG

Buscar

A Entrevista

Ana Pontón, voceira nacional do BNG

17/09/2017 - 14:09 h
Ana Pontón, voceira nacional do BNG

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou na Entrevista da Radio Galega, que esta semana, en concreto o mércores, unha delegación do BNG denunciará ante a ONU a situación que se dá no pazo de Meirás. Pontón detallou que "este mesmo mércores imos trasladarnos ata a ONU, na súa sede que ten en Xenebra, para denunciar a situación que se está vivindo no pazo de Meirás". Para a voceira da formación frontista, é unha situación  "de espolio dun ben" e tamén aludiu á "apoloxía do fascismo" que fai a Fundación Franco. 

Ao preguntarlle por se debería expropiarse o pazo, Pontón asegurou que "os galegos e galegas xa pagamos o pazo de Meirás". Indicou que "ese pazo non foi unha doazón"  e apuntou que "se é un botín de guerra", que "legalmente se recoñeza que ese espazo ten unha propiedade ilexítima" por parte da Famlia Franco. Para a voceira do BNG, a situación que se dá é unha "aberración democrática"

Ante a situación de Cataluña, Pontón incidiu en que "hai unha cidadanía catalá que quere votar"  e criticou que "no Estado español se aposte por negar un dereito básico" e "esteamos en plena ofensiva de recortes de dereitos e liberdades". 

Ao preguntarlle por se defende desobedecer as resolucións do Constitucional, a voceira nacional do BNG respondeu que defende "que os pobos teñan dereito a decidir o seu futuro" ao tempo que criticou o PP ao dicir que  "cre que o que fallou durante este tempo é a política e creo que  fallou porque o PP está pensando nos votos que pode perder se realmente autoriza algo que é democrático". 

E insistiu en apelar ao dereito internacional para buscar unha solución a este conflito. Aínda máis, para Pontón, "a xustiza actúa ao ditado dun partido político e iso é romper coa separación de poderes". E engadiu que é "un problema político e creo que a resposta tiña que ser política e non o Estado esconderse detrás dos xuíces". 

Sobre Galicia, e se o BNG quere a independencia, Pontón fixou que a meta do BNG "é que Galicia sexa recoñecida como nación, que se nos recoñeza o dereito a decidir e que os galegos libremente decidamos cal á e fórmula na que nós queremos convivir e cales son as ferramentas de autogoberno". No BNG, apostilou, "temos claro que canto máis capacidade de decisión teñamos dende Galicia é evidente que teremos  instrumentos para mellorar a vida da xente". Puxo como exemplo unha tarifa eléctrica galega. Insistiu en que nunca van renunciar a defender "o dereito de Galicia á súa autodeterminación". 

Para o BNG, as municipais son un reto para o que "aínda queda bastante". Neste momentos, dixo, traballan no fortalecemento do labor de goberno e tamén de oposición e que traballarán para "recuperar terreo nas próximas municipais". "Temos que volver con forza a estar  tanto en Vigo como en Ourense, temos que consolidar a alcaldía de Pontevedra e eu creo que temos que seguir avanzando no resto de cidades", indicou. 

No día en que o histórico nacionalista Bautista Álvarez será enterrado, a voceira nacional do BNG asegurou que é "un día de moita tristura para as persoas que o coñecemos". Para Pontón, "hoxe despedimos un amigo, un compañeiro, un camarada" e cualificouno como "persoa imprescindible na articulación nacionalismo" e  "loitador incansable pola liberdade de Galiza". A voceira da formación frontista expresou o seu pesar ao engadir que "creo que se vai unha figura clave que deu toda a súa vida por este país". 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí