CRTVG

Buscar

A Entrevista

Ana Pontón, voceira nacional do BNG

21/05/2017 - 14:10 h
Ana Pontón, voceira nacional do BNG

Ana Pontón advírtelle a Xosé Manuel Beiras que non se confunda de inimigo. Beiras, nunha entrevista na Radio Galega, culpara o Bloque de que o PP seguise á fronte da Xunta ao afirmar que, se o BNG se integrase en AGE en 2012, Feijóo tería perdido as eleccións. Este domingo Pontón respondía.

Teño por costume non confundirme de inimigo. Eu vexo que algúns en demasiadas ocasións se confunden de inimigo e de adversario

Nese sentido, a voceira nacional do BNG segue pechando a porta ao entendemento con outras forzas de ámbito estatal, pero ábrelle as portas do BNG aos que defendan a causa galega.

O BNG ten un proxecto sólido. Sempre estamos abertos ao diálogo con outras organizacións políticas que compartan principios básicos, como ter os nosos centros decisión, defender primeiro os intereses deste país, poñer en marcha unha estratexia ao servizo da causa galega. Todas as persoas que queiran compartir ese proxecto, no Bloque teñen as portas abertas. Aí o tempo irá decantando as cousas

Ana Pontón marca como reto para o BNG as próximas eleccións municipais reivindicando a "corrente de simpatía" que detecta nos últimos tempos a prol da súa organización.

Definimos un novo rumbo, abrimos un novo tempo, temos unha organización forte e cohesionada

Con esas bases di esperar un "moi bo resultado" nos comicios locais, situando a Pontevedra como "carta de presentación" do "proxecto alternativo modernizador" dos nacionalistas.

A voceira nacional do Bloque tamén se amosou moi crítica na Entrevista da Radio Galega con En Marea e o resto de grupos parlamentarios aos que lles atribúe ter artellado "unha pinza" para que o BNG quedase sen representación no grupo de tres deputados autonómicos encargados de defender no Congreso a transferencia da autoestrada AP9 a Galicia.

Moito me temo que detrás desta pinza o que hai é un intento de que esta lei acabe durmindo o sono dos xustos no Congreso e que non haxa unha voz que denuncie con claridade os abusos de Audasa

Pontón tamén se referiu ás primarias que celebra hoxe o Partido Socialista. Máis aló dos candidatos que se presentan, pon o foco en que "o problema que ten o Partido Socialista en cada un deses candidatos ou candidata é que a socialdemocracia asumiu o programa neoliberal" en toda Europa.

A voceira nacional do Bloque tamén critica os recortes en investimentos en Galicia dos Orzamentos Xerais do Estado. Denuncia que a nosa comunidade perde posicións e critica que a diferencia do conseguido nas negociacións por outras forzas como o PNV o Presidente da Xunta "é incapaz nin unha soa vez de mollarse por este país e sempre está en disposición de xustificar todo o inxustificable que faga o seu partido en Madrid".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí