CRTVG

Buscar

A Entrevista

Ana Pontón, voceira nacional do BNG

19/02/2017 - 14:10 h
Ana Pontón, voceira nacional do BNG

Tras o Consello Nacional desta fin de semana e de cara á Asamblea que o BNG celebrará en marzo, Ana Pontón defendía este domingo na Entrevista da Radio Galega a nova folla de ruta do Bloque para "recuperar o pulso" e ampliar a súa base social, abrindo a porta da fronte a movementos non só políticos, senón tamén de carácter social.

O movemento nacionalista non ten unha única expresión política e neste momento era importante que no BNG non só puideran integrarse e confluír organizacións políticas, senón tamén organizacións de carácter social, organizacións con outro perfil que compartan a necesidade do nacionalismo

Nese sentido e ao abeiro do proceso soberanista aberto en Cataluña insiste en que "o réxime do 78 está un pouco podre" e engade que ese "é un traxe que nos queda estreito, que Galicia tamén ten que emerxer dentro dese debate e que éste é un debate concreto sobre como mellorar o noso marco para darlles solución ós vellos problemas".

Nese sentido, insiste na necesidade de cambiar o modelo de financiamento e defende o sistema de cupo. Pontón avanza que o próximo mes levarán a debate unha iniciativa para volver a reclamar o modelo de concerto. Quítalle ferro a que haxa economistas que discrepen desa opción e afirma que éste non é un debate técnico, senón netamente político.

Cun sistema de cota, Galicia como mínimo tería 3.500 millóns de euros máis para financiar servizos públicos, que ademais nos permitiría aplicar unha fiscalidade xusta e adaptada á realidade do noso país e cremos que é a mellor solución fronte ao que nos ofrecen o PP e o PSOE que é máis do mesmo, un café para todos que sempre foi amargo porque infrafinancia os nosos servizos públicos

A voceira nacional do BNG descarta un adianto de eleccións xerais e fixa, tras a asamblea de marzo, como prioridade os próximos comicios municipais, marcando distancias cos gobernos locais das mareas.

Creo que é unha xestión deficiente en moitos aspectos, pero tamén é certo que un mandato son catro anos. Eu o que diría é que, en todo caso, a cidade onde se pode ver unha transformación real e un proxecto que se revela contra o que parece que é o destino ou o que hai que facer é Pontevedra

Pontón tamén respondía na Entrevista da Radio Galega ao vicepresidente de Abanca que esta semana afirmaba que recibiu unha entidade "escarallada".

Recibiu unha caixa regalada porque a rescatamos con 9.000 millóns de euros públicos e o Estado vendeu esa entidade a perdas. A min paréceme un escándalo que creo que debe ser investigado

 Tamén se amosaba crítica co novo calendario para a posta en servizo do AVE afirmando que a Xunta e o Goberno central "estiveron rindo de nós" e insiste en reclamar o rescate da autoestrada do Atlántico: "Se hai cartos para rescatar autoestrada, a primeira que hai que rescatar é a AP-9". Ana Pontón tamén esixe do Goberno autonómico unha resposta máis firme a Ferroatlántica e denuncia "un silencio cómplice" da Xunta con Villar Mir.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí