CRTVG

Buscar

A Entrevista

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta e conselleiro da Presidencia

28/05/2017 - 14:10 h
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta e conselleiro da Presidencia

Alfonso Rueda advertía este domingo na Entrevista da Radio Galega que "os de Podemos e as mareas aquí en Galicia están fregando as mans" coa vitoria de Pedro Sánchez nas primarias do PSOE.

Se eu pensase dende un punto de vista puramente egoísta, de partido como PP, pois probablemente estariamos moi contentos porque a sensación de desunión que transmitiu o PSOE, tanto na campaña das primarias como agora pedindo vinganza algún dos derrotados, non fai augurar nada bo para o Partido Socialista

Pero engade que "España e Galicia necesitan un Partido Socialista forte e coherente, non un Partido Socialista en mans das mareas de Podemos".

Rueda insta o PSOE a decidir:

Se se queren botar en brazos das mareas de Podemos e quedar reducido á insignificancia como xa lle pasou por cento en algúns concellos galegos ou realmente queren ser ese partido serio que Galicia necesita e quere chegar a acordos importantes, acordos de estado, neste caso de comunidade autónoma, co partido que gañou as eleccións

Nese senso enmarca a posición que adopte o PSOE en relación á moción de censura que presentou Podemos contra Mariano Rajoy que atribúe á "insubstancia que hai detrás de quen está todo o día montando circos" e insiste en que "Podemos vive da política espectáculo. Toman o Parlamento como un circo e a seguinte función é a moción de censura".

Alfonso Rueda interpreta que das primarias socialistas o "gran derrotado é Abel Caballero".

A militancia socialista en Vigo non seguiu a Abel Caballero. Iso é o que di o resultado das primarias. Se gañase as eleccións en Vigo e na provincia de Pontevedra Abel Caballero e Carmela Silva non falarían doutra cousa. O feito de que dixeran que non queren falar unha palabra fala ben as claras de que se senten desautorizados

Como responsable do PP na provincia de Pontevedra, Rueda marca como reto de cara ás próximas eleccións locais recuperar gobernos como o de Vigo e aposta por manter un partido forte, unido e organizado para "demostrar que a confrontación por sistema coas outras administracións e con todo o mundo que impón Abel Caballero ao final fai que perda a cidade". E pon como exemplo o bloqueo da Área Metropolitana.

Caballero di que non vai haber Área Metropolitana porque non lle dá a gana por moito que digan os tribunais. É unha pena, é unha mágoa. É unha perda de oportunidades

Insiste en que "seguiremos intentándoo" pero admite que "se Caballero non entra en razón, será moi difícil".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí