CRTVG

Buscar

A Entrevista

O presidente da Xunta asegura que a transferencia da AP-9 a Galicia “se fará”, pero recoñece que as tensións soberanistas a dificultan

17/12/2017 - 14:10 h

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegura na Radio Galega que a transferencia da autoestrada AP-9 “se fará” aínda que admite que agora “non é o mellor momento político” para solicitala debido a que “toda a relación das comunidades autónomas co Goberno central quedou intoxicada como consecuencia da deriva independentista de Cataluña”. Non obstante, na Entrevista, Núñez Feijóo dixo que “é unha transferencia susceptible de facerse” e “se se fixera, e na miña opinión se fará, o que hai que discutir é cando”. Segundo explicou, proporíanlle á concesionaria:

unhas peaxes máis flexibles. Unhas peaxes que posiblitarían os tráficos nocturnos, os tráficos de madrugada, abaratando as peaxes e tamén intentando abaratar as peaxes aos que a utilizan de forma constante

Respecto á suba das peaxes previstas para 2018 na autoestrada do Atlántico, Núñez Feijoo asegura que é “unha suba bastante notable”, que “non nos gusta”, e explicou o motivo de que se produza este incremento. Así mesmo lembrou que durante 20 anos, cada ano se producirá esa suba dun punto debido ás obras que se están acometendo nestes momentos.

Sobre infraestruturas e ante a inminente reunión co ministro de Fomento, o presidente galego tamén fixou como prioridade desa xuntanza o “tren de alta velocidade” e que se cumpra o calendario “comprometido polo Goberno” para a conexión coa Meseta así como a intención da Xunta de propor que se acometan estes traballos “simultaneamente” coas estacións intermodais de Ourense, Santiago e de Vigo. No caso da Coruña, admitiu que lle gustaría desbloquear o proxecto pero matizou que neste caso depende máis do Concello que de Fomento.

En clave política galega, o presidente da Xunta avanzou na Entrevista que ten “xa pechada unha axenda co novo secretario xeral do PSdeG" aínda que non lle puxo data, en todo caso, dixo, asegurou que conta con que esa reunión se produza “antes de final de ano”

No diálogo, Alberto Núñez Feijóo  aseguro que entre os temas nos que vai intentar buscar acordos coa oposición pero sobre todo  cos socialistas galegos figura “o forestal” e tamén en materia de financiamento autonómico. Aspecto este no que o presidente da Xunta apelou ao mantemento da “lealdade” na transmisión de “información permanente”. Núñez Feijóo non ocultou o seu gusto por que “o Partido Socialista” volva ser o partido “alternativo ao Partido Popular de Galicia”

De cara á próxima cita electoral, as municipais de 2019, o presidente do PPdeG desvelou que nos “primeiros meses do próximo ano teremos as candidaturas deseñadas, polo menos a inmensa maioría delas”. E trazou como meta elaborar cun “ano mínimo antes das eleccións, un proxecto alternativo” porque -na súa opinión- “as cidades necesitan proxectos alternativos”  xa que entende que na maioría das cidades non hai ningún proxecto concreto.

Nas vésperas da aprobación definitiva polo Parlamento do proxecto de Orzamentos da Xunta para 2018, o presidente do Goberno galego lembra os datos de crecemento da economía galega para asegurar que “creceremos por riba do 3 por cento outra vez”. Ante esta previsión e preguntado por se aposta por un incremento salarial por parte das patronal, Núñez Feijóo indicou que “as empresas que levan con conta de resultados en beneficio varios anos, creo que é o momento de mellorar as condicións retributivas dos traballadores”. Mesmo concretou que “sobre todo dos traballadores novos” para logo explicar que “creo que isto fideliza cadros de persoal, incentiva a querencia coa empresa e incentiva o consumo”

De cara á futura negociación do novo sistema de financiamento autonómico, o presidente da Xunta fixou como principios que haxa un “acordo” entre todas as comunidades autónomas e considera “un gravísimo erro repetir un acordo bilateral” como o que se fixo co sistema vixente. Así mesmo, avoga por que o que se ”vaia repartir non se vaia repartir entre 17 territorios, 17 comunidades autónomoas senón entre 47 millóns de cidadáns” e en terceiro lugar,  considera que o principal criterio de financiamento é “o custo real da prestación de servizos”.
Coa crise soberanista catalá de pano de fondo, Núñez Feijóo rexeita solventar problemas identitarios co financiamento dos servizos públicos. Nesta liña, tamén xulga oportuno aparcar o debate do financiamento mentres non se solvente “a gobernabilidade de Cataluña” e considera que non se pode pechar mentres o Partido Socialista non estea de acordo co Partido Popular. 

A catro días das eleccións autonómicas catalás, o presidente da Xunta e do Partido Popular de Galicia asegura que o resultado “dependerá de que a xente vaia votar” pero “adicionalmente que vaia votar , que vaia moitísima xente votar” e engadiu que “dependerá da maioría silenciosa”. Para Núñez Feijóo, “se hai unha participación histórica” – que cifrou entre un 78 ou 82 por cento- “hai posibilidade de que os partidos que respectan a legalidade e que respectan o pacto constitucional e o Estatuto de Cataluña poidan ter posiblidades de gobernar”

Así mesmo, apuntou que  “se hai participación menos intensa” os “independentistas sempre están mobilizados” polo que fixou no partido de Ada Colau e Xavier Doménech, o papel de “árbitro” destes comicios. Ao seguir, o presidente galego engadiu que “hai oportunidade histórica para Cataluña” e dixo agardar que “os cataláns non a desaproveiten”

No plano local, en concreto cuestionado pola seca e a área de Vigo, o presidente da Xunta asegura que a “solución inevitable” é “facer a remodelación completa da potabilizadora” da cidade olívica. Explicou que con niveis moi baixos de auga embalsada a “potabilizadora non ten capacidad” e apuntou que “os vigueses non merecen a auga que nestes momentos lles está chegando ás súas casas”

Programa de entrevistas
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí