CRTVG

Buscar

A Entrevista

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia

26/02/2017 - 14:10 h
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia

O presidente da Xunta ten claro que "o Banco de España debe ser investigado". Na Entrevista da Radio Galega, Alberto Núñez Feijoo acusa o organismo regulador de non actuar con dilixencia na supervisión e remodelación do sistema financeiro.

Entre os directivos das caixas e o Banco de España, e algún político tamén, son os responsables polo menos, dunha parte da desfeita financieira que sufriron as caixas

Oxalá se poida coñecer por que entre o ano 2005 e o ano 2009 as caixas de aforro en Galicia tiveron un deterioramento tan grande. Por que se incrementou tanto a rede de oficinas. Por que esas oficinas maioritariamente se abrían no Levante e en lugares dunha enorme especulación urbanística. Por que se incrementou tanto os riscos e os investimentos en inmobles. En definitiva, por que entre 2005 e 2009 cando tomei posesión como presidente da Xunta, as caixas de aforro galegas estaban nunha situación límite dende o punto de vista financieiro

Feijóo recrimínalle a Miguel Angel Fernández Ordoñez que non actuase antes contra as prexubilacións millonarias dos exdirectivos das caixas malia que o informou por escrito do que estaba a ocorrer e insiste en que o seu Goberno actuou con total transparencia: "Volveriamos facer o mesmo que fixemos".

Núñez Feijoo tamén abría a porta a reclamar unha maior aportación das comunidades forais de cara a negociación aberta para a reforma do modelo de financiamento autonómico. Na liña defendida por Santiago Lago e outros membros da comisión de expertos que estuda a reforma, o presidente da Xunta entende que "é perfectamente lexítimo formular se é necesario" incorporar o País Vasco e Navarra ao mecanismo de financiamento da nivelación interterritorial. Lembra que "sempre que se negociou o cupo foi en beneficio das comunidades autónomas e en prexuízo dos demais". Feijoo insiste en todo caso en que "non cabe unha negociación bilateral" con Cataluña porque "non se pode decidir entre dous o financiamento de dezasete" e insiste en que se teña en conta o "efecto capitalidade" que beneficia a Madrid.

Alberto Núñez Feijoo tamén admitía na Radio Galega contactos con Ferroatlántica pero precisa que a empresa non lle notificou aínda á Xunta a súa intención de vender as concesións das hidroeléctricas. En todo caso, insiste en condicionar calquera decisión a que se manteña o nivel de emprego na Costa da Morte e en Sabón e se aumente o investimento en Galicia.

Se a empresa formula algo que cumpra a lei, que se acredite un interese público e que manteña os postos de traballo, pois pode ter viabilidade o seu proxecto pero, se non se acreditan eses tres postos, evidentemente non

O presidente do PPdeG tamén avanza que os congresos locais do partido en Lugo e A Coruña han servir para pulsar os posibles candidatos da formación de cara ás próximas eleccións locais. Precisa que "non é automática a designación do Presidente local do partido para ser candidato á alcaldía pero, si é certo, que imos pulsar a situación do partido na Coruña e en Lugo para vislumbrar que posible candidato pode haber para maio de 2019".

Critica a parálise das cidades gobernadas polas mareas.

Levamos dous anos dende as eleccións de 2015 e hai vilas que aínda non teñen presuposto e se vostede intenta buscar. Que se fixo novo en Santiago?, que novidade hai na Coruña?, como vai a vida municipal en Ferrol?, que cuestións se fixeron en todos eses concellos? Pois eu non son capaz de atopar ningunha nova. Paralizadas, desmotivadas, e o que imos ofrecer aos galegos desas vilas é unha posibilidade primeiro, de ter un goberno estable; segundo, de ter un goberno que goberne; e terceiro, que esas vilas volvan outra vez a unha actuación normal

Núñez Feijoo lamenta os atrasos acumulados no AVE Galego e afirma que "é evidente que cada un ten unha responsabilidade distinta pero todos cometidos a falta de rigor de dar datos e datas que despois non cumprimos". En todo caso, precisa que cos gobernos socialistas "o AVE ía estar en 2010" e despois viuse que non ía chegar ata 2018 e agora, co Executivo do PP, hai un atraso de 9 meses na finalización da liña e responsabiliza ao bloqueo político do ano pasado da parálise das grandes infraestructuras públicas do país. Por certo, insiste en que Rajoy quere esgotar a lexislatura pero advírtelle á oposición ante o bloqueo da aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado que "tan irresponsable é bloquear a existencia do goberno como bloquear a posibilidade de que un goberno goberne". O presidente da Xunta tamén volveu amosar na Radio Galega a súa confianza nos cargos investigados polo caso da hepatite.

Estou absolutamente seguro de que todos actuaron, primeiro, dacordo cos seus principios deontolóxicos, con absoluta independencia e non dubido da súa profesionalidade, polo tanto estou absolutamente convencido de que todo os médicos e o persoal sanitario desa comisión son persoas dignas e necesitan o recoñecemento expreso do goberno e eu como Presidente préstollelo.

En clave persoal, na que foi a súa primeira entrevista tras a súa recente paternidade, Feijoo tamén comentaba a súa experiencia como pai, por exemplo co cambio de cueiros: "o primeiro fíxeno mal e tivo efectos secundarios perversos por non facelo ben, pero agora xa o fago un pouco mellor" e engade que "hai que practicar pero é unha práctica que recomendo a calquera"

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí