CRTVG

Buscar

A Entrevista

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia

25/06/2017 - 00:00 h
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia

Na Entrevista da Radio Galega, o Presidente da Xunta fai unha revisión á alza das previsións de crecemento: "Non descartamos chegar ó 3%. Estaremos nese contorno".
 Alberto Núñez Feijoo amósase máis optimista despois de falar con Ana Botín da integración do Popular no Santander. Aposta por facer unha peza separada do Pastor para estudar indemnizacións ós pequenos accionistas e manter a marca propia en Galicia.

 Alberto Núñez Feijoo advirte na Entrevista da Radio Galega que a gran incógnita das próximas eleccións municipais é que vai facer o PSOE: "Preocuparíame que o Partido Socialista non sexa máis que un partido da coalición das Mareas de Podemos". Núñez Feijoo cuestiona o xiro imposto por Pedro Sánchez tralo último Congreso, di que "se vemos os plantexamentos ideolóxicos que saíron do Congreso vemos un Partido Socialista antes de Suresnes (...), un Partido Socialista que involuciona, que vai para atrás, que se fai máis vello, máis antigo", alerta de que "se están borrando e difuminando as fronteiras entre o Partido Socialista e Podemos" e advírtelles ós socialistas que "do mesmo xeito que Izquierda Unida quedou absolutamente atrapada baixo as siglas de Podemos (...) parece que hai risco de que o Partido Socialista se configure como unha coalición dentro de Podemos e neste caso en Galicia das Mareas de Podemos". Feijoo reta ós socialistas a posicionarse no eido local cun perfil propio:

"A min gustaríame ter un Partido Socialista en Galicia distinto das Mareas de Podemos. Gustaríame poder pactar con eles dentro da Constitución as cousas que consideremos oportunas. Gustaríame que o Partido Socialista teña criterio e personalidade propia. Gustaríame que o Partido Socialista se non funcionan as cidades dos alcaldes das Mareas que o fagan saber e non os apoien para ser alcaldes e parar as cidades galegas".

E nese senso enmarca as próximas municipais porque ó seu xuízo "hai dúas posibilidades, gobernos estables nas cidades ou gobernos das Mareas de Podemos cos nacionalistas. A incógnita é que vai facer o Partido Socialista. Esa é a gran incógnita das eleccións municipais. Por iso me preocupa que o Partido Socialista non sexa máis que un partido da coalición das Mareas de Podemos".   Denuncia a inestabilidade dos gobernos municipais de Ferrol, A Coruña e Santiago:  "os presupotos apróbanse en mocións de confianza" -di- "apróbanse seis ou sete meses despois de que teñan que ser aprobados. Apróbanse cando se tiñan que estar elaborando os presupostos do seguinte ano. Non hai estabilidade política". E en contraposición reivindica que o PP presentará "un proxecto de garantía e estabilidade".
 O Presidente Galego fai balance do que vai de lexislatura cunha triple idea: "estabilidade institucional, baixada do desemprego e crecemento económico". Cando se lle pregunta pola posibilidade de que se presente para un cuarto mandato responde:

"Está pechada absolutamente a porta a falar diso porque honradamente levo oito meses. Imaxínese vostede que eu empece a pensar que teño que facer no ano 20. Dixen que me presentaba tres veces. Me presentei tres veces e máis nada. Non hai nada que cambiara o que dixen hai uns meses. Pero mire, foi tanta a confianza que recibimos e que recibín para ser Presidente da Xunta outra vez co 47 por cento do voto que eu nunca vou a pagar a débeda de gratitude que teñe co meu pobo e polo tanto neste momento o obxectivo que temos é seguir disminuindo o desemprego, crear 100 mil postos de traballo de aquí a 2020, facer unha rede completa de hospitais novos e que haxa máis de 60.000 dependentes cobrando as prestacións que lles corresponden e que teñamos un ensino plurilingüe".

 
 Alberto Núñez Feijoo fai unha revisión á alza da previsión de crecemento de Galicia este ano: "Vai estar máis preto do 3 que do 2.4" por cento previsto inicialmente, afirmaba na Radio Galega. Di que "imos ser prudentes", pero "non descartamos chegar ó 3. Podemos quedarnos moi preto do 3. Estaremos nese contorno probablemente".
 O Presidente da Xunta amósase máis optimista en relación á integración do Grupo Popular no Santander despois de falar con Ana Patricia Botín de que se comprometese a manter "unha liña aberta entre a Presidencia da Xunta e a Presidencia do Banco Santander antes de tomar as decisións que afecten a Galicia". Núñez Feijoo insiste en que "o que me preocupa son os traballadores e os pequenos accionistas". Pide para os aforradores que se investiguen as últimas ampliacións de capital "cando as accións do banco se estaban desplomando" e avoga por "facer unha peza separada para estudar posibles indemnizacións sobre a perda dramática a cero do valor das accións". Defende que o "Banco Popular en Andalucía é unha cousa e o Banco Popular en Galicia é outra cousa. O Banco Popular en Galicia chamábase Banco Pastor", advirte. E de cara a manter o nivel de emprego actual demanda precisamente "manter a marca Banco Pastor porque iso xera confianza e seguridade e se hai confianza e seguridade no banco hai máis posibilidades de conservar o emprego".
 Na Entrevista da Radio Galega, Feijoo tamén salientaba as oportunidades que se abren para as empresas galegas en China ó abeiro da súa recente visita ó xigante asiático e pon o foco no investimento plantexado por Citic en Europa: "Plantexou facer un investimento importante en Rumanía ou facerlo noutro país do leste. E ó final a candidatura de Galicia tamén entrou". Reivindica que o grupo chinés "xa nos comprometeu que o investimento que fixo no Porriño, cando comprou a empresa do Porriño, se vai manter, vai manter o cadro de persoal e vai seguir investindo. Pero nós imos seguir traballando para conseguir máis investimentos".
 Núñez Feijoo tamén defendía nos micrófonos da Radio Galega o plan de transporte, insiste en que se manterá o emprego e criticaba o incumprimento dos servizos mínimos na folga desta pasada semana:

"as empresas teñen lóxicamente interese na súa conta de resultados e o seu beneficio económico pero a conta de resultados e o beneficio económico non pode supoñer incumprir os servizos mínimos porque é o máis grave que se pode facer nunha España constitucional no ámbito do dereito á folga. Se en sanidade mañá houbera unha folga e os servizos de urxencias en servizos mínimos 100% non atenderan ós pacientes eso sería inadmisible dende tódolos puntos de vista. Pois que neste non se retivese ós rapaces na casa e que non se lles transportara no autobús, e que non puideran ir á escola e que non puideran finalizar nalgún caso un exame para utilizalos como reféns nunha folga incumprindo sistemáticamente os servizos mínimos creo que iso non o merecen os galegos, non o merecen os rapaces e non o merecen os pais".

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí