CRTVG

Buscar

A Entrevista

"Se Feijóo ten tanto interese no Parlamento galego debería acudir ao Parlamento galego cesar a súa conselleira do Medio Rural"

05/11/2017 - 14:15 h

O secretario xeral do PSdeG réstalle importancia ás incomparecencias parlamentarias dos presidentes das deputacións de Lugo e Pontevedra e di que "se Feijóo ten tanto interese no Parlamento galego debería acudir ao Parlamento galego cesar a súa conselleira do Medio Rural".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quítalle ferro ás ausencias anunciadas en comisión parlamentaria de Orzamentos dos presidentes das Deputacións de Lugo e Pontevedra, os socialistas Darío Campos e Carmela Silva, respectivamente. Na Entrevista da Radio Galega, Gonzalo Caballero lembra que é unha tradición, non unha norma e que xa existe ese debate público e transparente nas Deputacións. O líder do socialismo galego aponlle ao PP usar esta circunstancia como pano de fume para non abordar outros temas e aposta por "respectar a autonomía local" e que "o Parlamento galego non pode servir para que o Partido Popular cando quere faga un discurso e cando quere faga outro pero para que non se falen das cuestións fundamentais do país".

A continuación engadiu: "Se Feijóo ten tanto interese no Parlamento galego debería acudir ao Parlamento galego a cesar á súa conselleira do Medio Rural polo que ten ocorrido nos incendios" e engade que "iso non interesa, interesan outras cuestións como unha comparecencia menor". Insiste en que o "PSdeG está nunha liña de transparecnia e debate público" pero indica que o "PP non vai marcar toda a folla de ruta do país e hai unha autonomía municipal que respectar". Así mesmo rexeita que estas incomparecencias supoñan unha crise interna no partido xa que explicou que tanto Campos como Silva deron aviso previo da súa decisión. Campos a el mesmo, desvelou, e Silva á responsable de relacións institucionais, Dolores Villarino. 

En clave interna, Caballero destaca a renovación que quere  abandeirar e no caso das primarias de Pontevedra, Gonzalo Caballero di que "nese impulso de renovación temos que acadar unha dirección política na provincia de Pontevedra que sexa autónoma, que sexa leal tanto cos órganos institucionais como por exemplo a Deputación de Pontevedra como tamén coa nova dirección federal encabezada por Pedro Sánchez e coa nova dirección galega que eu encabezo". A partir daí, indicou, "darlle máis protagonismo ás agrupacións"

Gonzalo Caballero non quixo pronunciarse nin posicionarse ante os precandidatos que optan a esas primarias pontevedresas. Si lle afeou implicitamente á dirección provincial saínte  que se manteña o "sistema de avais tradicionais". Segundo explicou, ese sistema esixe un alto nivel de avais para poder concocorrer polo que os "compañeiros que queiran participar teñen que ter un nivel de avais  imoprtante". Isto, aseverou, "obriga a entender que non é posible que haxa en ningún caso matematicamente máis de cinco candidatos e en cuestion non soamente matemática senón de praxe política, dificilmente podería haber máis de dous candidatos". 

Noutra orde de asuntos, avanzou a súa intención de crear no PSdeG "un think tank na cuestión do debate de ideas que nos permita estar na vangarda das ideas de Galicia, do futuro na cal espero que os presidentes Laxe e Touriño teñan un papel importante".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí