CRTVG

Buscar

Galicia en Toquio

Marta Míguez Telle, secretaria xeral para o Deporte

07/01/2017 - 23:30 h
Marta Míguez Telle, secretaria xeral para o Deporte

A Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez Telle, reiterou no Galicia en Toquio da Radio Galega o seu compromiso co  deporte galego en todas as súas vertentes. Así, Marta Míguez quixo facer especial fincapé na defensa, promoción e difusión do deporte feminino en Galicia, aseverando ao tempo que: “Cando eu adestraba, que unha rapaza fixese deporte víase incluso como algo raro (...) hoxe non chama a atención e antes si o facía e non precisamente para ben”.

Así mesmo, a Secretaria Xeral ratificou a súa aposta polo deporte de elite co deportista como epicentro das súas políticas: “Creo que debemos amparar máis ao deportista de alto nivel. O deportista debería compatibilizar a súa carreira deportiva coa súa formación (….) esa etapa de alto rendemento debería considerarse etapa laboral (...) temos que compararnos e mirarnos noutros espellos nos que os deportistas de alto nivel xa teñen esa consideración. Se queremos mellorar  temos que parecernos aos mellores".

Amosouse especialmente preocupada por amparar aos deportistas despois da súa retirada: “por moito deportista de alto nivel que sexas chega un momento no que despois da retirada tes que buscar traballo  e aí estás a nivel de tódolos demais. A xente séntese desamparada xa que fuches o mellor do teu país nunha proba ou disciplina pero despois eso non consta en ningunha vida laboral, o que dificulta moito o acceso ao emprego”. De cara a este ciclo olímpico a Secretaria cree garantido o reemprazo xeracional no noso deporte posto que veñen por detrás figuras emerxentes que poderían chegar xa aos Xogos de Toquio.En canto ás infraestruturas deportivas, outro dos piares nos que sustentar a súa política, afirmou que a pista cuberta de atletismo de Ourense é xa unha realidade e que estará rematada nun prazo razoable de tempo. Do mesmo xeito sinalou que: “Estamos estudando para tratar de consolidar unha rede de infraestructuras deportivas o máis xusta posible e o máis axustada á nosa realidade (…) as infraestrturas son necesarias. Eu penso dende a miña posición de atleta que non é o máis imprescindible como si o é a calidade humana da xente que te rodea, pero as instalacións son importantes e ademais necesarias”.

Por último, Marta Míguez quixo agradecer ao seu predecesor no cargo, José Ramón Lete Lasa, (actual presidente do Consello Superior de Depporte), o seu apoio e man tendida neste inicio da súa nova singradura profesional e lembrou con agarimo a súa participación nos Xogos Olímpicos de Sidney 2000.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí