CRTVG

Buscar

Zoido revela que o reforzo policial en Cataluña polo 1-O custou 87 millóns de euros

Publicado o 18/01/2018 11:52

Zoido cualificou de "moi importante" a cifra de 87 millóns en gastos directos polo 1-O, "outro alto custo", dixo, "que temos que pagar entre todos os españois debido á irresponsabilidade e obstinación do Goberno independentista de Cataluña".

"Un custo que debemos sumar aos mil millóns de euros nos que o Ministerio de Economía cifra o impacto da desaceleración de catro ou cinco décimas do crecemento do PIB catalán ou ao descenso do 35% nas reservas hoteleiras", sinalou.

Ademais, xustificou o dispositivo sen precedentes pola necesidade de dar cumprimento aos mandatos xudiciais, que incluía aos Mossos d'Esquadra, cuxa actuación foi cuestionada polo ministro e que se mantivo ata despois do referendo do 1-O, cando se desencadearon "episodios de acoso" contra policías e os seus familiares.

No seu discurso recoñeceu as incomodidades pola "polémica" contratación dos barcos na procura de "aloxamentos seguros ou de fácil protección, de rápida ocupación, pero prolongada no tempo, aínda que sen poder concretar canto e sen poder facer unha contratación moi anticipada".

O titular do Interior sinalou que os entre 4.500 e 6.000 policías e gardas civís comisionados (en Cataluña hai un persoal fixo doutros 6.000 axentes, aos que se lles suspendeu as vacacións e días libres) realizaron unha "vixilancia permanente" sobre as dependencias propias da Garda Civil e Policía Nacional, a Delegación do Goberno ou as Subdelegacións de Goberno, así como "as sedes dos partidos políticos ameazados".

Outro dos obxectivos con especial vixilancia foron o Tribunal Superior de Xustiza, a Cidade da Xustiza, as Delegacións de Facenda, o Banco de España e "determinadas infraestruturas críticas". "Tamén levaron a cabo servizos de protección e seguridade con carácter esporádico a persoas e instalacións sensibles", desvelou Zoido.

Zoido lanzou unha mensaxe final aos senadores: "Este Goberno está disposto a seguir adoptando, por suposto co apoio de todos aqueles grupos que compartan nosa profunda preocupación, todas as medidas contempladas na Constitución que sexan necesarias para manter a legalidade e a normalidade democrática e institucional en Cataluña. E para que todos os cataláns, pensen como pensen, teñan garantida a súa seguridade, os seus dereitos e as súas liberdades".

 

Noticias web

18/01/2018