CRTVG

Buscar

Zoido responsabiliza os mandos policiais das cargas do 1-O e acusa os Mossos de tolerar o referendo

Publicado o 01/03/2019 08:14

No xuízo do procés, o ex-ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, responsabilizou os mandos policiais das cargas do 1 de outubro, dixo que a actuación da policía e da Garda Civil foi proporcionada e acusou os Mossos de tolerar o referendo. Pola súa parte, o lehendakari Íñigo Urkullu explicou que intentou mediar entre Rajoy e Puigdemont, a petición do ex-presidente da Generalitat, para evitar a declaración de independencia e o 155.

Ao preguntarlle polas cargas policiais do 1 de outubro, Juan Ignacio Zoido dixo que a orde de actuar a deron os mandos encargados do operativo.

"Eu non dei a orde de actuar e onde, tampouco dixen cando tiñan que deixar de facelo. Os operativos tomaron esa decisión e eles saberán tecnicamente por que o fixeron", declarou Zoido.

Zoido dixo que foi unha actuación proporcionada e racional. O ex-ministro de Interior, a quen Rajoy e Sáenz de Santamaría sinalaron como a persoa que os informaba do que sucedía, declarou que o dispositivo posto en marcha pola Generalitat era insuficiente e que os Mossos non cumpriron coas ordes pactadas no operativo de seguridade.

"Uns procuraron cumprir coa cuestión principal, que era impedir o referendo, e outros o que fixeron foi tolerar que se votase", dixo. 

Pola súa parte, o lehendakari, Íñigo Urkullu, confirmou, en contra do que declarara Rajoy, que si actuou de mediador entre Generalitat e Goberno central. Dixo que nunca se falou de autodeterminación e que, tras o referendo, convenceu a Puigdemont para que convocase eleccións, pero que a última hora puido máis a presión dos partidarios de declarar a independencia.

"Comunicoume, lamentando que as persoas que estaban na praza de Sant Jaume concentradas manifestándose se lle estaban rebelando, que tamén tiña presións do seu grupo parlamentario de Junts Pel Si, e que non podía proceder ao acordo que se adoptara", declarou o lehendakari.

Íñigo Urkullu dixo tamén que, en outubro de 2016, intuíra que Rajoy era remiso a aplicar man dura en Cataluña.

Ademais do seu testemuño, o tribunal escoitou o deputado de Esquerra Gabriel Rufián atribuír á policía toda a violencia daqueles días.

"Chócame moitísimo que se dixera que aquilo era unha rebelión ou un tumulto perigoso porque eu fun comer e merendar, e paréceme que, nunha revolución, a merendar vai pouca xente", declarou Rufián.

Tamén declararon como testemuñas Xabi Domenech, ex-deputado de En Comú Podem, que negou que o 20 de setembro houbera violencia durante o rexistro da consellería de Economía.
E a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau. Dixo que a única violencia foron as cargas policiais e lamentou que se estea xulgando a líderes políticos polo referendo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/03/2019