CRTVG

Buscar

Zoido: "O uso da forza no 1-O foi proporcionada e racional"

Publicado o 28/02/2019 20:51

O ex-ministro do Interior negou ser o responsable das cargas policiais do día do referendo, ao asegurar que a orde de actuar a deron os mandos encargados do operativo. Así e todo, Zoido considera que a actuación foi proporcionada.

Juan Ignacio Zoido, ex-ministro do Interior: "Eu non dei a orde de actuar e onde, tampouco dixen cando tiñan que deixar de facelo. Os operativos tomaron esa decisión e eles saberán tecnicamente por que o fixeron. Creo que tiveron unha actuación proporcionada e racional, e que se viron obrigados a facer un uso racional da forza para impedir un acto delituoso como é a celebración do referendo".

Zoido declarou que o dispositivo posto en marcha pola Generalitat era insuficiente, e que ademais, os Mossos de Esquadra non cumpriron coas ordes pactadas no operativo de seguridade, algo que, asegura, si fixeron a Policía Nacional e a Garda Civil.

Juan Ignacio Zoido, ex-ministro do Interior: "Uns procuraron cumprir coa cuestión principal que era impedir o referendo, e outros o que fixeron foi tolerar que se votara".

Este xoves tamén declarou como testemuña Xabier Domenech, ex-deputado de En Comú Podem, que negou que o 20 de setembro houbese violencia durante o rexistro da consellería de Facenda. As tres testemuñas finais citadas negáronse a declarar ao estaren investigados polos mesmos feitos noutros xulgados.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/02/2019