CRTVG

Buscar

Zaragoza ofrece axuda á familia da nena de catro anos degolada supostamente polo seu pai

Publicado o 15/09/2020 21:18

O Concello de Zaragoza ofreceulle axuda á familia da nena de catro anos degolada supostamente polo seu pai que permanece detido. A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero recompila datos para determinar se se trata dun crime machista. 

De se confirmar como crime machista, a cativa sería a cuarta menor vítima mortal da violencia de xénero no que vai de ano. Segundo o relato policial, recibiu un corte profundo no pescozo que lle causou a morte. Ocorreu na vivenda familiar situada no barrio das Delicias, en Zaragoza.

A nai estaba na rúa en estado de shock coa filla inconsciente nos brazos. A pequena morreu pouco despois no Hospital Materno Infantil da cidade. Tiña catro anos.

Cando chegou a Policía, a muller asegurou que o pai, tras unha discusión, ferira a rapaza cunha navalla e logo fuxira. As forzas de seguridade localizárono pouco despois nun barrio próximo.

O pai permanece detido na comisaría, á espera de pasar a disposición xudicial. O concello de Zaragoza, que tiña aberto un expediente sobre a situación desta familia, ofreceulles axuda psicolóxica e social.
 

Noticias web

15/09/2020