Yolanda Díaz volve acusar a Luís Villares de romper a unidade en Galicia
En Marea non logra impugnar a coalición En Común-Unidas Podemos por incluír tamén o nome Mareas en Común. As xuntas electorais de Pontevedra e da Coruña consideran que o termo 'marea' é xenérico e non pertence a ningunha formación. En Marea e a coalición de Podemos con EU seguen litigando pola herdanza política dos resultados que sacaron en 2016 cando foron todos xuntos. Do que determine a Xunta Electoral Central depende o repartimento de tempos da propaganda electoral ou o posto que ocupa cada candidatura na papeleta do Senado.
"O traballo que se fixo ata o de agora corresponde ás deputadas que estamos no Congreso e mesmo tamén que se nos está dando a razón. Aquí o deixo. As propias resolucións das xuntas electorais están falando por si mesmas", dixo Yolanda Díaz, candidata de En Común por Pontevedra.
"Nós vimos aquí intentar achegar solucións aos problemas de Galicia. Igual que o intentamos facer no seu momento votando en contra duns orzamentos que outros apoiaron cando supuñan un grande maltrato para os intereses de toda a área metropolitana de Vigo", apuntou Luís Villares, voceiro de En Marea.