CRTVG

Buscar

Yolanda Díaz: "O PSOE e o seu candidato non souberon liderar a vitoria que tiveron o 28 de abril"

Publicado o 26/07/2019 10:57
Yolanda Díaz: "O PSOE e o seu candidato non souberon liderar a vitoria que tiveron o 28 de abril"

Desde as portas do Congreso dos Deputados, Yolanda Díaz, reflexionou no Bos días sobre a situación en que nos atopamos tras a investidura fracasada de Pedro Sánchez: "A situación de hoxe é de tristura para todo o país, porque había vimbios para un goberno de progreso e tirouse a toalla e o Partido Socialista, e en particular o seu candidato, non soubo liderar a vitoria que tivo o 28 de abril", dixo.

Díaz non dubida en responsabilizar os socialistas de inacción durante os últimos meses, que fixo que se chegase a esta semana sen un acordo: "Levamos dicindo que foi un erro metodolóxico brutal a investidura tal e como se propuxo. Estivemos tres meses sen negociar, estivemos pedindo desde o noso grupo unha negociación formal de programa, de equipos de traballo, e non se fixo ata hai 48 horas", asegurou. "O que estamos defendendo desde Galicia en Común é que as urnas falaron claro: querían un goberno de progreso e coalición".

E sobre esas negociacións rápidas fracasadas, Yolanda Díaz fixo fincapé en que houbo comportamentos que non foron responsables. "Nós non nos levantamos da mesa", afirmou. E incidiou no que pasou na xornada deste xoves: "A señora Calvo, nun caso gravísimo que nun país normal dimitiría, falsificou un documento que saíu da propia oficina da Vicepresidencia do Goberno. Isto en democracia é dunha gravidade extrema".

Sobre o que vai ocorrer a partir de hoxe, a deputada de En Común dixo que "a día de hoxe non sabemos que quere o candidato socialista. O que é evidente é que a única forza que pode garantir a estabilidade é o grupo confederal de Unidas Podemos. Pola nosa banda intentamos ata o final desbloquear a situación e estamos coa man tendida".

Pero Yolanda Díaz non quixo ser optimista e dixo que "o problema é que cada día o señor Sánchez ten unha idea diferente. É lexítimo que queira un pacto coa dereita, pero cada día hai sorpresas respecto á posición en que se sitúa. Veremos o que quere agora. O que hai na cidadanía é malestar. E agora o que ten que decidir é se quere un goberno de progreso, non con ministerios, senón con competencias".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí