CRTVG

Buscar

Yolanda Díaz: "Imos ver se o PSOE entendeu que ten que negociar"

Publicado o 24/07/2019 11:56

Yolanda Díaz, a deputada de Galicia en Común, formación integrada en Unidas Podemos, detallou no Bos días como están neste momento as negociacións co Partido Socialista de cara á segunda votación de investidura de Pedro Sánchez: "Empezamos hoxe unha negociación contra o reloxo na que temos que abordar os retos de transformación de país e a conformación organizativa do Goberno. Levamos toda a noite e seguiremos ata que haxa fumata branca. O que nos queda é intentar sacar adiante un acordo complexo, que é o primeiro na historia de España".

"Nós creo que fixemos xestos máis que sobrados de que queremos concitar a estabilidade no país e agora tócalle ao PSOE mover ficha", dixo Yolanda Díaz ás portas do Congreso dos Deputados.

Díaz foi moi crítica con como están levando os socialistas a negociación: "Non é o xeito acaído, falar de nomes durante a negociación. Nós non o fixemos e non o imos facer. Tampouco é acaído facer vetos persoais", dixo. "O de poñer nomes nos medios non é correcto. Estou sorprendida da xestión que está a facer o PSOE desa investidura".

Ademais, explicou que se chegou a unha investidura sen ter acordos previso: "Equivocouse o PSOE, non tiña ningún apoio, e perderon un tempo magnífico: 87 días sen negociar nada". "Fixeron unha deficiente lectura do 28 de abril, e estou convencida que onte entederon o que lle está pasando ao PSOE e ao candidato que pretende ser investido", concluíu. "Os españois dixeron algo claro que é que non queren un goberno monocolor nin máis bipartidismo".

"Certamente, onte déronse de conta de que están moi afastados da maioría absoluta e que en democracia hai que pactar", dixo Yolanda Díaz. "Imos ver se o PSOE entendeu que ten que negociar e repartir as áreas do Executivo e competenciais, respectar o seu aliado e ter vontade de gobernar en coalición, sabendo que é un feito histórico". 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí