CRTVG

Buscar

Xunta, patronal e sindicatos urxen o Goberno a velar pola industria galega

Publicado o 10/12/2019 15:15

A Xunta, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e os sindicatos UXT e CC. OO. asinaron este martes o novo acordo de diálogo social a través do que insisten en demandar unha "transición enerxética xusta" que garanta a pervivencia do sector industrial en Galicia nun momento no que se ve ameazado.

O acto da firma do acordo, que se celebrou no Pazo de Raxoi de Santiago de Compostela, serviu para que todos os axentes se comprometesen a velar polo cumprimento dos once acordos rubricados cos que se busca promover unha Galicia "máis igualitaria e sustentable" no período 2019-2022.

Ademais, o acordo recolle entre os seus principais obxectivos "defender a igualdade de oportunidades" no mercado de traballo, promover "unha contratación responsable" desde a Administración autonómica e apostar "pola formación e o emprego de calidade".

Tamén fai fincapé na necesidade de "avanzar na transformación dixital" do tecido empresarial e "profundar na modernización" das relacións laborais.

Con todo, nesta ocasión, o acordo pon de relevancia a importancia de protexer o sector industrial en Galicia e os postos de traballo xa que "sen emprego non hai futuro para o territorio", sinalou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.

O máximo mandatario autonómico, acompañado polos representantes dos sindicatos e a patronal, defendeu que para que a comunidade conte cunha industria máis competitiva "a transición, especialmente no ámbito enerxético, ten que ser paulatina, compasada, coherente, non precipitada e xusta".

Así o defenderán desde as administracións porque, tal e como se reflicte neste acordo, "non é realista nin responsable pretender transformar as industrias enerxéticas deixando no camiño miles e miles de familias".

A través deste acordo, a Xunta comprométese a defender os empregos que están en risco polo anuncio de peche da central das Pontes, da fábrica de Alcoa e tamén de Ence pola "inseguridade xurídica" que afronta, así como das empresas conserveiras ameazadas pola redacción da Lei de Costas.

Ante estes riscos, é necesario facer unha fronte común e, para iso "a Xunta e as organizacións que estamos hoxe aquí, falamos moito máis do que a xente se cre" xa que aínda que "por veces discrepamos, coincidimos nos asuntos básicos para o país".

O responsable de CC. OO., Ramón Sarmiento, admitiu que Galicia atravesa "un momento complexo" polo que necesita profundar na "cultura da cooperación dos axentes económicos e políticos" que cristalicen en acordos deste calado.

O documento asinado esta mañá supón un "claro compromiso coa igualdade e coa transición ecolóxica" pero deixando claro que o futuro que se busca para Galicia "non é facer da nosa comunidade un campo de grelos no que nazan mariscos que se coman nos restaurantes de Madrid".

Por iso, débese traballar para conservar a industria e os postos de traballo de calidade que leva aparellados, incidiu o sindicalista.

O máximo dirixente de UXT en Galicia, José Antonio Gómez, coincidiu en destacar que "os eixes deste acordo miran cara ao presente pero tamén para o futuro" poñendo "sempre no centro ás persoas" porque non se debe permitir que a competitividade empresarial leve por diante as condicións laborais.

Ao seu xuízo, o acordo de diálogo debe servir para dar un impulso á economía e para "acabar co problema enerxético" para o que "necesitamos entre todos facer país porque non podemos permitir que estean en perigo industrias pioneiras que estaban a crear emprego de calidade".

Finalmente, o portavoz da patronal de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, celebrou que hoxe vexa a luz este acordo "tripartito" formado por "propostas concretas e realistas" que son máis "urxentes que nunca" para dar estabilidade ao emprego en Galicia.

Confía o representante da patronal en que o acordo teña unha "clara repercusión directa no benestar" económico da comunidade.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí