CRTVG

Buscar

A Xunta, a hostalaría e o lecer nocturno rexeitan o protocolo de desescalada do Goberno

Publicado o 07/06/2021 19:39

• Galicia irá ao Constitucional se o Ministerio de Sanidade non rectifica na Interritorial do mércores e flexibiliza as normas

A Audiencia Nacional suspende o protocolo do Goberno en Madrid

EFE/EP

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou este luns que Galicia presentará un conflito de competencias ante o Tribunal Constitucional por "invasión de competencias" na normativa sobre horarios na hostalería aínda que confía en que no Consello interterritorial se poida “retomar o entendemento”.

Tras unha reunión co sector da hostalería e do lecer nocturno na que tamén participaron o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a titular de Emprego, María Jesús Lorenzana, Rueda criticou que as medidas que entraron en vigor coa publicación este sábado no Boletín Oficial do Estado o sábado “bloquean” a desescalada en Galicia.

A “consecuencia práctica e inmediata” da publicación do protocolo no BOE é que “se interrompe, bloquéase esta desescalada prudente e gradual” que se estaba levando a cabo en Galicia en consonancia coas recomendacións que o comité clínico indicaba de forma semanal. “Exerciamos as nosas competencias, o comité tomaba decisións e logo falábase cos afectados e agora isto interrómpese” para, lamentou, impoñer “unha rixidez nos horarios que non ten ningún sentido”.

De feito, para Rueda esta medida tamén dificulta que o comité clínico -que se reúne mañá- adapte novas medidas lóxicas como “estender ata a unha” o horario para bares e cafeterías que non serven comida e que é unha petición recorrente do sector. “Esta era a previsión e supoño que mañá o exporía o comité clínico”, sinalou o número dous do Executivo autonómico.

Tamén prexudica á “proba piloto” prevista para este sábado en varios locais do lecer nocturno na que a Xunta autorizaba que os asistentes estivesen de pé neste tipo de negocios mentres que o o Goberno o impide. Rueda remarcou que os representantes do sector lamentan especialmente esta proposta porque o estar sentados “desnaturaliza moitísimo a esencia do seu negocio” e mesmo “lles xera serias dúbidas para poder funcionar este verán”.

Doutra banda, o vicepresidente primeiro tamén reprochou que o Goberno pretenda instaurar unha “foto fixa” que non teña en conta a situación de mellora xa que os hostaleiros “non se queren ver suxeitos a unha situación que non pode ser revisable” cando, nos momentos máis delicados da pandemia, si viron como cada vez se restrinxían os seus horarios ou ocupación.

Tanto a Xunta como o sector ansían que “se a situación mellora”, a situación se poida revisar para “ir afrouxando medidas” e “recuperar nestes meses de verán, a nosa vida normal e a nosa vida social”. Por todo iso, insistiu en que a Xunta actuará pola vía do Constitucional se non hai unha rectificación. 

Rueda celebrou que a Audiencia Nacional dese a razón á Comunidad de Madrid e acordase suspender preventivamente, no ámbito desta autonomía, as restricións ao lecer nocturno e a hostalería aprobadas no Consello Interterritorial de Saúde.

A idea é esperar ata o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (SNS) do próximo mércores para saber se o Goberno central atende as alegacións que presentaron as comunidades. De non haber un consenso na aplicación das medidas, como xa avanzou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, Galicia está disposta a recorrer ao Tribunal Constitucional e abrir un novo conflito de competencias, que se suma ao da lei de saúde galega (levada ao TC neste caso polo Goberno central).

Desde logo, no sector non estamos a ver positivamente o que quere expor o Goberno de España", apuntou, en declaracións aos medios o presidente de Clúster do Turismo, Cesáreo Pardal, quen lembrou que a comunidade galega vai con "boas cifras" de vacinación e de descenso de contaxios. Pardal advertiu de que "non están de acordo" coas medidas que propón o Goberno nin con estendelas ata o 30 de setembro. "Teremos que ir vendo cada 15 días como vai a incidencia", conveu, ao unísono coa postura que sostén a Xunta.

En declaracións aos medios antes do encontro, Luis Diz, de Galicia de Noite, manifestouse rotundamente en contra do "desastre" de medidas que planificou o Goberno central e preguntouse para que "lles fixeron perder o tempo" se agora as medidas que lles impoñen son iguais aos dos bares. Así, advertiu de que a "esencia" do lecer nocturno é outra e que abrir un local sen pista de baile é igual que "unha piscina sen auga". "É pór un parche, pero un parche que non está nin pegado", sinalou, antes de advertir que "non se sostén" e que están "a tratar de tapar o que se está vendo".

Ademais, Luis Diz que dentro dunha semana finalizan os exames dos estudantes universitarios: "A imaxe que imos ter nas rúas de toda España é moi preocupante. A xente sen ningún tipo de control nin medio de protección nin ningún tipo de distanciamento", aseverou, antes de insistir en que sería "mellor telos controlados" con "medidas pactadas e pautadas" co sector do lecer nocturno para evitar "o desenfreo". "Operaron como iluminados", sentenciou

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Hostalaría de Lugo, Cheché Real, lamentou a "incerteza" que levan padecendo no sector e as diferenzas para saber que medidas aplicar. "Entre eles pódense arranxar, pero os que non sabemos como actuar", dixo, son os hostaleiros, que están "nas pavías" xurídico. Na reunión, trasladou Cesáreo Pardal, tamén se lle pediu á Xunta que os bares e as cafetarías poidan abrir até a unha da madrugada, igual que os restaurantes. Así mesmo, reclamaron que se poidan utilizar as barras dos establecementos de hostalaría, xa que hai locais nos que supón o "80-90 por cento da facturación". 

 

Noticias web

07/06/2021