CRTVG

Buscar

Xunta e USC suman forzas para "completar a renovación" da praza do Obradoiro coas obras de Fonseca e San Xerome

Publicado o 26/02/2021 20:00

 A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Axencia de Turismo de Galicia subscribiron un convenio que permitirá acometer obras de conservación e mellora da envolvente do conxunto arquitectónico dos colexios de Fonseca e San Xerome.

En palabras do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que participou no acto xunto ao vicepresidente primeiro e responsable de Turismo, Alfonso Rueda, e outras autoridades da universidade, estas obras permitirán "completar a renovación" da Praza do Obradoiro, onde está situada a catedral compostelá e "un dos puntos de encontro máis importantes de Europa occidental".

O reitor da USC, Antonio López, destacou a importancia das accións que prevé este convenio e que se centrarán nas fachadas de pedra, nos paramentos exteriores pintados, as cubertas, así como as carpintarías. Contan cun orzamento de máis de 400.000 euros e teñen un prazo de execución previsto de tres meses.

Na súa intervención, o reitor manifestou a súa satisfacción por este "exemplo" de cooperación institucional e manifestou que espera que poida trasladarse a outros ámbitos como o do proxecto da Cidade da Saúde, que serviría, entre outros aspectos --dixo--, para fornecer "unha sede digna para os seus estudos da USC neste ámbito". 

Noticias web

26/02/2021