CRTVG

Buscar

Xunta e transportistas ven insuficiente a proposta de rebaixas na AP-9

Publicado o 18/06/2021 15:22

O anuncio das bonificacións nas peaxes para o transporte pesado está feito. O ministro Ábalos fixaba nun vinte por cento o desconto previsto, tanto á ida como á volta, pero a proposta non caeu ben no sector.

"Que de cen euros reduzan a oitenta, e pasemos a ter un custo de vinte céntimos por quilómetro, segue sendo carísimo", afirma Alberto Vila, coordinador das federacións Fegatrans e Apetamcor. Di que para eles, a proposta é "insatisfactoria".

Demandan peaxes gratuítas que igualen a AP-9 con outras autoestradas do Estado. Din que, en todo caso, só lles compensaría viaxar pola AP-9 se teñen máis do 55 por cento de desconto.

"Tendo en conta, primeiro, o custo que ten a peaxe en si e, segundo, o escasísimo marxe que teñen hoxe os prezos do transporte" explica José Carlos García Cumplido, secretario xeral de Fegatramer. "Estamos achicharrados" describe, e di que calquera cantidade a maiores "é disuasoria e lévanos á estrada convencional".

E se seguen viaxando por estradas convencionais, non se conseguen os obxectivos. "Non contribuiría nin á mellora da seguridade viaria, nin á competitividade" explica a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez. Pon como exemplo as bonificacións no treito Puxeiros-Porriño: "Eran bonificacións do 35 por cento, e non deron os resultados esperados" afirma. "Unicamente captaron o sete por cento do tráfico".

No sector preocupa ademais que ás peaxes da autoestrada poidan sumarse as taxas por circular por outras vías de alta capacidade.

 

Noticias web

18/06/2021