Xunta e Concello agardan rematar a nova estación de autobuses de Santiago en agosto do 2020
Foi a primeira visita conxunta da conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez e o alcalde Xosé Sánchez Bugallo ás obras da que será a futura estación intermodal da cidade. Alí comprobaron como avanzan uns traballos que no caso da estación de autobuses xa deixan ver perfectamente a estrutura de dous andares que albergará 36 dársenas.
Unhas obras que comezaron en xullo de 2018 e en que xa se construíu o 40% do total.
Tamén comezaron os traballos pero ainda non é tan evidente a futura pasarela que unirá a estación do tren coa de autobuses e con elas os barrios da Pontepedriña e o Ensanche.
As obras, din, avanzan a bo ritmo e este mesmo mes xa será visible a estrutura desa pasarela.
Queda pendente o tema dos accesos.
Os técnicos do Concello estudan estes días unha modificación do proxecto inicial que o Goberno municipal espera facer público o próximo luns.
"Temos esa incerteza do que corresponde á parte ferroviaria, que sempre demandamos que se desenvolva e queremos canto antes ter certeza e tivemos unha reunión coa presidenta do ADIF que se comprometeu este mes de setembro a explicar as seguintes fases e as seguintes obras da parte ferroviaria", dixo a conselleira de Infraestruturas.
Tanto a Xunta como o Concello sinalan unha data, a do 1 de agosto de 2020, cando a estación de autobuses, a pasarela e os accesos teñen que estar rematados.