CRTVG

Buscar

Xullo é o mes de máis traballo nas hortas

Publicado o 20/07/2020 13:26

O de xullo é un dos meses en que máis se traballa nas hortas. Xa se están a recoller as leitugas, cebolas, allos ou cenorias que se sementaron en primavera e tamén aparecen os tomates e pementos. Regar só cando é preciso e efectivo, acolchar os terreos para manter a humidade e aplicar tratamentos fitosanitarios ou naturais para combater fungos como o mildio e o oidio ou insectos como o pulgón, a mosca branca ou as formigas son tarefas indispensables se queremos ter unha boa colleita.

"Non sabemos manexar as grandes temperaturas. Polo día moita calor e pola noite frío. Non precisamos regar nin todos os días nin en grandes cantidades. O importante é manter a planta fresca, e para iso non convén un exceso de auga."

A pandemia fixo que este ano se estea a disparar o traballo nas hortas. A xente prefire quedar na casa que saír ou mesmo que ir de turismo. Os labores agrícolas son a mellor forma de pasar o tempo nas casas rurais e mesmo nas zonas urbanas habilitadas. Por iso, dende as comerciais agrícolas sinalan que medrou considerablemente a venda de sementes, fertilizantes, plantas e tratamentos. Por exemplo, xa se están a vender plantas da chamada horta de inverno como o repolo, a escarola e a coliflor.

"A xente tirouse á agricultura. Persoas que antes non poñían horta agora estana a poñer. Tanto no campo como nas hortas urbanas."

Os expertos lembran que a rega das hortas debe facerse ou nas últimas horas do serán ou nas primeiras da mañá.

Noticias web

20/07/2020