CRTVG

Buscar

Xulio Ferreiro abandona a primeira liña política

Publicado o 29/05/2019 20:29

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña durante os últimos catro anos, deixa a política municipal. Nin sequera tomará posesión da súa acta de concelleiro. Di que é unha decisión tomada por razóns persoais e políticas.

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña en funcións: "Tomei a decisión de non continuar na coporacion municipal durante o vindeiro mandato. Cando non se cumpren os obxectivos que un se pon en política deben asumirse as responsabilidades."

Arroupado por todo o seu equipo e moi emocionado, o aínda alcalde en funcións defendeu o traballo realizado durante o seu mandato e confirmou que seguirá vencellado á Marea Atlántica.

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña en funcións: "Non vou facer declaracións públicas que condicionen as decisión que poida tomar a Marea Atlántica. Mostrarei a miña opinión dentro dos órganos da Marea Atlántica. Non vou ser o típico ex que lle diga aos demáis o que teñen que facer."

Na súa comparecencia, Xulio Ferreiro deixou unha reflexión crítica sobre o espazo político de En Marea.

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña en funcións: "Nós non viñemos aquí pelexarnos entre nós. Nós viñemos aquí resolver os problemas da xente. Todo o tempo que perdemos facendo outras cousas, e eu intentei perder o menos posible, foron razóns para que a xente non nos votase."

O voceiro de En Marea recoñeceu o traballo feito por Xulio Ferreiro. Luís Villares dixo que respecta a súa renuncia. Sobre que deben facer os outros dous alcaldes do cambio, os de Santiago e Ferrol, Villares dixo que lles corresponde a eles decidilo.

Luís Villares, voceiro de En Marea: Eu creo que cada quen ten que tomar a súa propia decisión e a súa reflexión correspóndelle a eles, non a min."

Antes de marchar, Ferreiro pediu xenerosidade e altura de miras para recompoñer o espazo politico con vistas ao futuro.