CRTVG

Buscar

Xulio Abalde: "Temos que ser capaces de sensibilizar á sociedade para dispoñer dun sistema de investigación e desenvolvemento potente"

Publicado o 05/07/2019 10:11

Xulio Abalde, catedrático de Microbioloxía, reitor da Universidade da Coruña, pasou este venres polo plató do Bos días, onde falou entre outros temas do retos retos que ten a súa institución de cara aos próximos anos. Un deles é o da transferencia da investigación que e fai na universidade ao mundo da empresa, "as universidades veñen de anos nos que a academia estaba no seu mundo. Eu creo que sen perder a súa autonomía a universidade ten que colaborar coa empresa, para que haxa unha transferencia rápida para que as empresas poidan innovar. Elas teñen que comprender que nós somos os seus socios", asegurou.

Para iso, "a parte de financiamento necesitamos estruturas para que os investigadores poidan investigar", afirmou o reitor coruñés. E sobre o financiamento fixo fincapé en que exista aporte de fondos desde o ámbito privado, "é unha das cuestións que fallan, nos países anglosaxóns hai a figura do mecenado, aquí non existe", dixo Abalde.

"Temos que ser capaces de sensibilizar á sociedade para que dispoñamos dun sistema de investigación e desenvolvemento potente. De feito o 70 por cento da investigación que se fai en Galicia fana as tres universidades", -comentou o reitor-, "temos que ter unhas universidades que desenvolvan ese traballo, e na da Coruña estamos traballando niso, nun mundo que é absolutamente global".

En canto a relación que manten coas outras dúas universidades galegas, Xulio Abalde dixo que "estamos facendo un esforzo de coordinación, as tres colaboramos e somos bastante complementarias e estamos traballando en clave de sistema". "Sen perder as esencias de ser universidades xeralistas estamos traballando na especialización de cada unha", afirmou referíndose á oferta que as tres teñen, principalmente de graos e mestrados.

Outro dos retos que nos próximos anos vai ter que acometer o sistema universitario é a renovación do seu cadro docente, tendo en conta que nos últimos exercicios ese claustro adelgazou sensiblemente por causa de xubilacións ou da saída ao exterior, "temos que poder introducir profesorado novo que forme os equipos de investigación de aquí a quince anos", dixo Abalde.

E sobre o financiamento máis alá do adicado especificamente á investigación dixo que "nós tíñamos un plan de financiamento feito en época de crise, que nos daba un marco estable, pero agora temos que facer un esforzo para mellorar o financiamento". E nese sentido a Universidade da Coruña sentíuse tradionalmente peor tratada con respecto ás outras dúas galegas, "se se compara o financiamento por estudante somos a peor financiada de Galicia, pero nas reformas que se foron facendo foise actualizando, pero non é tanto un problema da Universidade da Coruña, como do sistema universitario de Galicia", concluíu o reitor coruñés.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí