CRTVG

Buscar

Xulgados por finxir ser gardas civís para secuestrar a muller dun narco arousán

Publicado o 23/04/2019 16:35

Os dous procesados son veciños de Salamanca cun amplo historial por tráfico de drogas, lesións e tenza ilícita de armas. Segundo o fiscal, en novembro de 2013 presentáronse nun chalé do Rial, en Vilagarcía, facéndose pasar por gardas civís.

Ataron de mans a propietaria da vivenda e á súa asistenta doméstica e logo leváronas a unha nave abandonada co propósito de que revelasen onde gardaban os cartos. Estiveron retidas sete horas. O avogado dun dos procesados pediu que se anulara a causa co argumento de que as probas de ADN que o incriminan se obtiveron sen garantías. O seu defendido admitiu que puido estar na nave de Vilagarcía onde as mulleres estiveron retidas, pero, segundo dixo, el foi alí cunha moza.

Enfróntase a unha petición de doce anos de cárcere. Para o outro acusado que está en prisión, e ao que lle constan antecedentes, a petición do fiscal é de trece anos e nove meses de cárcere.

As dúas vítimas, a muller dun narcotraficante ao que se considera lugartenente de David Pérez Lago, e a asistenta, estaban citadas como testemuñas pero non se presentaron ao xuízo a pesar de estaren obrigadas. O tribunal acordou volvelas citar para as próximas sesións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/04/2019