CRTVG

Buscar

Un veciño da Estrada enfróntase a 8 anos por unha agresión cun machete

Publicado o 24/09/2019 09:38
Un veciño da Estrada enfróntase a 8 anos por unha agresión cun machete

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá este martes un xuízo contra un veciño da Estrada para o que Fiscalía solicita oito anos de prisión por intento de homicidio, ao agredir a outro cun machete o día 8 de decembro do 2015.

Segundo o escrito do Ministerio Público, os feitos ocorreron arredor das 20,15 horas, cando o procesado (E. P. M.) estaba dentro da súa furgoneta estacionada nos exteriores do aparcadoiro dun bar da parroquia de Arnois.

Alí citouse coa presunta vítima (F. P. B.) para "aclarar ou resolver un conflito derivado dunha relación de traballo que mantiveran uns meses antes".

No momento en que  F. P. B. se achegou, o acusado, "actuando con total desprezo" cara á súa vida -asegura a Fiscalía-, saíu do vehículo e agrediuno cun machete portugués "sen mediar ningunha palabra".

A suposta vítima sufriu unha ferida de seis centímetros no antebrazo esquerdo ao tentar protexer a súa cabeza.

Como consecuencia do que o Ministerio Público considera un intento de homicidio, F. P. B. sufriu secuelas que o incapacitaron de forma permanente para o exercicio da profesión de madeireiro.

Tras ser detido, E. P. M foi posto a disposición do xuíz, que decidiu deixalo en liberade con cargos.

Por estes feitos, a Fiscalía solicita oito anos de prisión por un intento de homicidio con agravante de abuso de superioridade, así como unha indemnización de 36.385 euros.

Ademais, solicita que se lle prohiba ao acusado achegarse a polo menos 200 metros da vítima, o seu lugar de traballo, o seu domicilio e calquera outro lugar en que adoite atoparse.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí