CRTVG

Buscar

Xulgan un home na Coruña por abusar dunha nena de oito anos

Publicado o 03/12/2019 14:27

A vítima declarou entre choros e detrás dun biombo. Relatou que un día de verán de 2005, cando ela tiña 8 anos, estaba na casa do acusado, en Oza dos Ríos, vendo unha película que cualificou de adultos, canda el no sofá do salón. Explicou que estaban sós e que de súpeto saíu unha escena de sexo. Foi cando o procesado se ergueu e abusou dela sexualmente, segundo dixo. Intres despois decidiu ir durmir. Ao día seguinte, dixo, foi espertar o investigado á súa cama e alí, segundo declarou, intentou penetrala.
Uns feitos que negou o acusado. "Xamais estiven a soas con ela. Houbo rozamentos e tocamentos naturais, de collela por un brazo, xogando", afirmou na sala.

A fiscalía pide para el 19 anos de cadea e unha indemnización de 6.000 euros. A defensa cre na súa inocencia e solicita a libre absolución. "Aquí hai outro tipo de argumentos e argucias doutra xente que non está aquí acusada. Estas menores estaban nun ambiente moi presionadas. Cremos que a nai e terceiras persoas influíron nas nenas para presentar a denuncia", afirmou Rubén Veiga, avogado da defensa.

Amais, declarou tamén a irmá da vítima. Contou que a ela en 2013 ou 2014, cando tiña 12 anos, amosoulle imaxes de contido sexual. Por isto, a acusación particular investígao tamén por un delito de exhibicionismo e provocación sexual e pide para el dez meses máis de prisión. O procesado tamén negou estes feitos.

Está previsto que o xuízo remate mañá coa declaración dos peritos que examinaron a vítima e a lectura do informe final.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/12/2019