CRTVG

Buscar

Xulgan un home acusado de quedar con cartos dos agasallos da primeira comuñón dun neno

Publicado o 14/05/2018 14:15

Xuízo contra un veciño de Oleiros, na Coruña, por roubo. Pero vaia roubo. Resulta que o xulgan porque está acusado de levar os 4.000 euros que tiña gardados un amigo no peto do fillo, e que eran os cartos que xuntara dos agasallos da súa primeira comuñón. A Fiscalía atribúelle tamén un delito de apropiación indebida, por quedar, supostamente, con 600 euros dunhas vacacións e outro delito agravado de estafa en grao de tentativa. O acusado, que se enfronta a tres anos e dous meses de cárcere, dixo que se declaraba culpable só do último delito porque se lle foi das mans.

O acusado mantiña unha relación de amizade íntima cos agora denunciantes. Por iso, cando eles tiñan algún compromiso, deixaban os seus fillos pequenos ao coidado do investigado. Unha fin de semana de 2016, aproveitando tal circunstancia e, segundo a acusación, coa intención de lograr un lucro indebido, colleu, presuntamente, dos petos dos pequenos catro mil euros que se correspondían cos agasallos da súa primeira comuñón. Disto acúsao a Fiscalía e manteno o denunciante. Porén o procesado negou que fora el. Declarou que cando o matrimonio soubo que faltaban os cartos, dixéronlle que sospeitaban da señora que lles facía a limpeza na casa e que a ían botar. 

Por este delito de furto, o Ministerio Público pide para el 15 meses de cadea. Pero é que amais, atribúelle un delito de apropiación indebida por quedar con 600 euros dunhas vacacións.

Amais, está investigado tamén por un delito de apropiación indebida. Acúsano de enganar o seu amigo facéndolle crer que podería conseguir que a propietaria da casa en que vivían en Oleiros ía venderlla. El declarouse culpable só deste último delito porque, segundo dixo, se lle foi das mans. Manifestou que lle amolaba dicirlles directamente aos seus amigos que non ía facer de intermediario porque el coñecía a propietaria, pero que nunca tivo intención de estafalos.

A Fiscalía pide para el tres anos e dous meses de cadea e o pagamento de 4.600 euros. A defensa solicita a libre absolución alegando que os feitos non foron probados.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/05/2018