CRTVG

Buscar

Xulgan un home acusado de matar e meter nunha picadora a súa tía e unha inquilina en Majadahonda

Publicado o 11/09/2017 14:33

O fiscal solicita 30 anos de internamento nun centro especializado ao aplicarlle a eximente incompleta de alienación mental

No banco dos acusados, da Audiencia Provincial de Madrid, sentou esta mañá Bruno Hernández, coñecido como o despezador de Majadahonda. Está acusado de matar a súa tía paterna e unha inquilina e logo desfacerse dos corpos nunha picadora de carne industrial.

Está acusado de dous delitos de homicidio, estafa continuada, falsidade documental e tenza ilícita de armas. O fiscal solicita 30 anos de internamento nun centro especializado ao aplicarlle a eximente incompleta de alienación mental, pois acepta que padece esquizofrenia paranoide que lle fai percibir a realidade distorsionada.

  • Lembramos o caso

A primeira vez que a Garda Civil falou con Bruno Hernández citouno como testemuña. Era abril de 2015. O irmán dunha das súas inquilinas, unha muller arxentina de 55 anos, acababa de denunciar a súa desaparición. No chalé onde vivía de alugueiro Adriana, que así que chamaba a vítima, apareceron restos do seu ADN nunha picadora industrial que estaba no garaxe.

Este chalé dos horrores era propiedade dunha tía do caseiro e presunto asasino. Pero a tía estaba tamén en paradoiro descoñecido, malia que o acusado afirmaba que estaba nunha residencia. A Garda Civil comeza a súa busca e os axentes volven analizar os restos da picadora de carne do garaxe; alí tamén atopan sangue e restos do ADN da propietaria do chalé, a tía do acusado, desaparecida no ano 2010, sen que a ninguén da familia lle estrañase. Dende aquela o sobriño lucrábase alugando as súas propiedades.

As investigacións puxeron de manifesto as malas relacións das familias paterna e materna do acusado. Bruno Hérnandez, de 33 anos, naceu en Sarria, a súa nai vive en Lugo, pero non a ve desde hai 30 anos. No domicilio paterno do acusado os axentes atoparon o pasaporte, o permiso de conducir, as chaves do coche a algunhas xoias da inquilina asasinada no chalé de Majadahonda. Segundo o informe psiquiátrico padece esquizofrenia paranoide e cre pertencer a unha irmandade secreta coa que contactou no Perú cando tiña 15 anos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/09/2017