CRTVG

Buscar

O acusado de provocar a morte dun policía acepta unha pena de 21 meses

Publicado o 11/01/2017 20:25

O axente falecera, tras máis dun ano e medio en coma, a causa do golpe que levara durante un forcexo na comisaría

O acusado de provocar a morte dun policía nacional en Lugo aceptou unha pena de un ano e nove meses de prisión, ademais de indemnizar a viúva e os fillos. O axente falecera, tras máis dun ano e medio en coma, a causa do golpe que levara durante un forcexo na comisaría.

Os feitos remóntanse a outubro de 2012. Daquela, durante un permiso penitenciario, o acusado foi detido e conducido á comisaría de Lugo. Alí resistiuse a entrar, cando pretendían conducilo aos calabozos e tivo un forcexo cos policías que o detiveron e cos que acudiron en apoio. Un deles, José Manuel Pardo Souto, resultou ferido na cabeza.

Como consecuencia dese golpe, o axente entrou en coma e acabou falecendo en maio de 2014. Natural das Nogais, estaba casado e tiña dous fillos menores.

O acusado, ante o tribunal, recoñeceu os feitos e xa non foi necesario celebrar o xuízo. Admitiu un delito de homicidio por imprudencia e atentado contra a autoridade, e deu a súa conformidade a un acordo que lle vai supor unha pena de 21 meses de prisión e unha indemnización de 150.000 euros á viúva do axente falecido e 50.000 a cada un seus dous fillos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2017