CRTVG

Buscar

Xulgan un garda civil acusado de golpear e ameazar habitualmente a súa compañeira sentimental

Publicado o 11/02/2020 13:10

Este veciño de Lugo, axente da Garda Civil, está acusado de maltratar en diversas ocasións a que fora a súa parella. Segundo o escrito da acusación, en 2015 deulle unha puñada e empurrouna varias veces ata tirala e romperlle a roupa.

Tras a súa ruptura, durante varios meses, presuntamente, envioulle unha serie de mensaxes ao móbil dela, en que a ameazaba con golpeala de novo. Ademais, durante un ano, supostamente, fixo un uso indebido do contrasinal do seu posto de traballo para acceder de xeito reiterado ás bases de datos da Garda Civil e obter información persoal da vítima. Pola súa parte, o suposto agresor nega os feitos que lle imputan.

"Relativamente é sinxelo falsificar conversacións de whatsapp. Non existe unha pericial informática que afirme que esas mensaxes efectivamente foron mandadas. Dalgunha maneira, desmóntanse todas as acusacións precisamente por iso", afirmou Juan Carlos Fernández López-Abad, avogado da defensa.

A defensa pide, por tanto, a libre absolución. Pola súa parte, a Fiscalía da Audiencia Provincial de Lugo solicita un total de 12 anos de cadea polo delito de malos tratos habituais, tres delitos de malos tratos, un delito continuado de ameazas e mais o delito de descubrimento e revelación de segredos. Ademais, pediu a prohibición de achegarse, durante 27 anos, a menos de 500 metros da vítima.

Noticias web

11/02/2020