Xulgan sete membros dunha suposta rede de tráfico de drogas nas bisbarras da Louriña e do Baixo Miño
A investigación remóntase a 2016, cando a Garda Civil e Vixilancia Aduaneira seguían os pasos deste grupo que supostamente se dedicaba á compra e venda de droga no sur da provincia de Pontevedra. Nunha das localidades implicadas, Santa María de Oia, os operarios da limpeza atoparon doses de droga nun predio lindeiro á casa duns acusados.
A Fiscalía pide 15 anos de prisión e un millón de euros de multa para un deles, José Manuel, que, ademais de ser, supostamente, culpable dun delito contra a saúde pública e de tenza de armas, chegou a apuntar cunha arma a comisión xudicial que fixo o rexistro da súa vivenda, polo que se enfronta a un delito de resistencia a autoridade. Os demais enfróntanse a penas de entre catro anos e medio e quince de cadea. A investigación contou con múltiples rexistros en vivendas de Santa María de Oia, Pontevedra, Mos, Goián e Tomiño.
Os investigadores consideran que desenvolvían a súa actividade de xeito coordinado e con vocación de permanencia. As defensas tentaron durante a vista oral que se anulasen as escoitas telefónicas.