CRTVG

Buscar

Xulgan seis persoas, entre elas tres gardas civís, por contrabando de tabaco

Publicado o 13/01/2020 14:22

A vista arrancou en Vigo coa presentación das cuestións previas das partes en que, algúns avogados da defensa, solicitaron a nulidade do proceso alegando a vulneración da tutela xudicial e dos dereiros fundamentais dos acusados durante o procedemento. A xuíza encargada do caso desestimounas e comezou a declaración dos acusados.

No banco sentan seis persoas, tres traballadores dunha empresa titular dun depósito fiscal na Zona Franca de Vigo e tres gardas civís que estaban destinados no porto de Marín. Deberán responder ante a xustiza como supostos autores dos delitos de contrabando de tabaco e falsidade en documento oficial.

A Fiscalía sostén que interviron en operacións comerciais ficticias de avituallamento en máis dunha vintena de buques en que supostamente se servía tabaco. Porén, segundo o Ministerio Fiscal, elaboraron un plan para poñer en circulación esta mercaoría sen satisfacer ningunha clase de aranceis ou impostos. Unha vez libre de cargas, o tabaco non chegaba aos barcos senón que se colocaba no mercado negro.

Os acusados enfróntanse a penas de entre catro e cinco anos de prisión por estes feitos que se produciron entre 2011 e 2013. Calcúlase que nese tempo os implicados puideron mover máis e 51.000 cartóns de tabaco por valor de dous millons de euros. En canto á responsabilidade civil, os acusados deberán aboar máis dun millón setecentos mil euros pola fraude a Facenda e pagar unha indemnización superior a 5.600 euros. Está previsto que o xuízo se prolongue ata o próximo venres.

Noticias web

13/01/2020