CRTVG

Buscar

Xulgan once homes acusados de introducir 60 quilos de heroína en Galicia

Publicado o 16/09/2019 14:40

Todos os acusados permanecían en prisión dende a súa detención, excepto un dos supostos líderes da banda, Manuel Estévez, un avogado vigués con antecedentes por narcotráfico. A fiscalía solicita para cada un deles once anos de prisión como presuntos autores de delitos contra a saúde publica e pertenza a organización criminal.

Os feitos que se xulgan en Vigo remóntanse a agosto de 2017 cando se interceptaron 60 quilos de heroína nunha nave de Caldas de Reis. O alixo fora comisado nun tráiler cando ía ser introducido nunha furgoneta. Porén o fiscal tentará demostrar que esta investigación e a posterior detención dos acusados frustraron unha operacion marítima máis ampla pola que os procesados tentaban introducir cocaína en España procedente de Colombia.

Os acusados son once homes e unha muller. Hai dous cidadáns búlgaros e o resto son veciños da zona de Arousa, excepto o vigués Manuel Estévez, que hoxe foi o primeiro en declarar na vista, na que negou a súa relación cos feitos que se xulgan. Respondeu a preguntas do fiscal, que pretende demostrar a estreita relación do avogado con outro dos procesados, o arousán Juan Jesús Ventoso Padín, considerado outro dos líderes da banda e tamén con antecedentes penais. Para a fiscalía, os dous relacionáronse de modo continuado entre 2016 e 2017 conforme a un esquema preestablecido co obxectivo de introducir estupefacientes en España.

Nas cuestións previas ao xuízo, os avogados de defensa pretenderon invalidar as escoitas telefónicas que motivaron a captura da banda e solicitaron a nulidade dun proceso que está previsto se prolongue ao longo de toda a semana na sección quinta da Audiencia Provincial de Vigo. Unha vista que en xuño fora aprazada a causa da recusación dos xuíces.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/09/2019