CRTVG

Buscar

Xulgan na Coruña un home por abusar, presuntamente, da súa neta

Publicado o 16/01/2019 18:05

Na sección segunda da Audiencia comezaba esta mañá o xuízo contra un home acusado de abusar da neta cando esta acudía á súa vivenda, nunha parroquia de Vimianzo. Os feitos polos que o xulgan remóntanse ao ano 2003, cando a suposta vítima tiña 5 anos. Daquela residía cos seus pais en Londres, pero pasaba os veráns na casa familiar.

Aproveitando o tempo que estaban sós, o avó, supostamente, realizaba tocamentos á neta en diferentes ocasións, tanto no interior da vivenda como no coche cando a acompañaba ás clases particulares ou nos seus paseos polo monte. A situación prolongouse de maneira continuada ata que a nena tivo 11 anos de idade.

Pouco tempo despois, a familia regresou a España para facerse cargo da avoa, ao agravarse o estado da súa saúde. A partir de entón os tocamentos e abusos foron diminuíndo en frecuencia. Ata que hai 5 anos, a suposta vítima contoulle a unha amiga o que estaba sucedendo e a amiga puxo todo en coñecemento dos pais. O acusado nega os feitos e di que os seus familiares actúan por motivos económicos.

Os pais da suposta vítima declararon que o avó negou nun principio as acusacións, pero que máis tarde as admitira. Tamén declarou a neta, que ten na actualidade 20 anos, e fíxoo oculta tras un biombo. Dixo que non se atreveu a contar o que acontecía nos veráns cando pasaba as vacacións na casa do avós por medo, pero que finalmente se decidiu a confesarllo a unha amiga. Recoñeceu que tivo que recibir axuda psicolóxica e que aínda hoxe padece momentos críticos e ansiedade. Tamén declararon outras persoas achegadas á familia.

O acusado enfróntase a unha pena de 6 anos de prisión e a unha multa de 15.000 euros por danos morais.

 

Noticias web

16/01/2019