CRTVG

Buscar

Xulgan na Coruña o sospeitoso de matar un toxicómano asestándolle 57 coiteladas

Publicado o 11/01/2019 14:17

O próximo luns, o home acusado de matar outro en Carballo dará a súa versión do acontecido. Segundo o escrito da Fiscalía, os feitos aconteceron o 8 de decembro de 2017 durante unha discusión motivada porque a vítima lle pediu ao acusado que lle dese droga. Ambos os dous, segundo o escrito da acusación, coñecíanse por ser toxicómanos. Engade que tres días antes foran xuntos a mercar droga a Ferrol, encargándose o falecido de levar no seu coche o investigado a cambio de que lle dese parte das substancias adquiridas.

Días despois, a vítima envioulle ao procesado numerosas mensaxes ao seu teléfono móbil coa intención de que lle dese unha maior cantidade de droga da comprada. Porén, o acusado, segundo o Ministerio Público, nada conforme co que pretendía o seu coñecido, sentiu a necesidade de darlle un escarmento. Así que, quedaron nun bar de Carballo que ambos os dous abandonaron xuntos no coche conducido novamente pola vítima.

Nun momento dado, o procesado indicoulle que fose cara a un lugar pouco transitado. Despois pararon nunha estrada, comezaron a forcexar e o suposto agresor, segundo a Fiscalía, asestoulle ao seu acompañante 57 coiteladas, algunhas xa cando a vítima estaba no chan.

O acusado fuxiu no vehículo do falecido, pero foi detido despois. A Fiscalía engade, ademais, que cando o suposto agresor cometeu os feitos era plenamente consciente do que facía e pide para el vinte anos de cadea por un delito de asasinato e dous anos e medio máis por portar ilicitamente unha pistola.

O xuízo celebrarase durante toda a próxima semana na Audiencia Provincial da Coruña e será con xurado popular.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2019