CRTVG

Buscar

O acusado do incendio dos Blancos: "Tiña fame e plantei lume para asar un chourizo"

Publicado o 28/03/2019 14:28

A Audiencia Provincial de Ourense acolle hoxe o xuízo contra un veciño de Ourense por causar un incendio cando supostamente asaba un chourizo.

O que se puido escoitar esta mañá na sala de vistas non ratifica esa versión do acusado, que se enfronta a cinco anos e medio de cadea a petición da fiscalía. Os axentes da Garda Civil que investigaron o incendio ocorrido en outubro de 2017 no concello dos Blancos, en plena vaga de incendios, non atoparon indicios de que o lume comezase por unha grella. Ademais, sinalaron que efectos do acusado, como o móbil e as chaves, apareceron no lugar días despois do suceso e en estrañas circunstancias. Nin o acusado nin o seu avogado nin os seus ex-compañeiros do movemento ecoloxista da Limia presentes esta mañá na Audiencia quixeron facer declaracións.

Esas eran as explicacións do acusado o día en que foi detido, pero as testemuñas que compareceron no xuízo declararon que non atoparon no lugar do lume restos dunha fogueira ou outros elementos supostamente empregados para asar un chourizo.

O acusado, Miguel Ángel Martínez, dixo que se sentía deprimido, reiterou que o 15 de outubro de 2017 paseaba pola zona e decidiu preparar unha pequena grella, que logo se lle escapou das mans e deu orixe ao incendio. Uns veciños estiveron con el intres despois de comezar a arder. Díxolles que perdera o móbil e as chaves do coche.

Os axentes da Garda Civil que compareceron na vista afirmaron que xusto os dous días posteriores inspeccionaron o lugar e non atoparon ningún indicio da versión do acusado. O presunto incendiario foi detido e ingresou en prisión provisional o 19 de outubro, catro días despois do incendio. Dous días máis tarde, os investigadores atoparon no lugar do lume o móbil, as chaves e unha tesoira de podar, estaban queimados, pero non arderan no incendio e había sinais de que foran colocados aí a propósito.

A fiscalía solicita cinco anos e medio de prisión, ademais dunha multa de 4.320 euros, ademais de pagar os custos de extinción, valorados en 947 euros. Ardeu algo máis dunha hectárea. A defensa solicita a libre absolución e presenta como atenuante alteración psíquica do acusado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/03/2019