CRTVG

Buscar

Xulgan dous homes acusados de roubar en dúas vivendas en Oleiros e noutra en Culleredo

Publicado o 08/04/2019 13:59

A Fiscalía da Coruña pide dez anos de cadea para cada un dos dous acusados de asaltar tres casas na área metropolitana da Coruña. Nunha delas, no concello de Oleiros, roubaron con violencia e intimidación, a punta de pistola.

Os investigados negaron que participaran en ningún dos tres casos e as súas defensas solicitan a libre absolución.

Os dous acusados negaron que participaran en ningún dos roubos en casas polos que agora son investigados. Un deles, propietario do coche que viron nos tres lugares dos asaltos, explicou que o seu vehículo podía estar neses sitios porque en moitas ocasións llelo prestaba a terceiros a cambio de pequenas cantidades de cartos. E engadiu que el non tiña nada que ver cos asaltos.

O outro declarou que en ningún momento participara en ningún dos roubos. Dixo que cando o viron co outro acusado no seu automóbil era para entregarlle a droga que este lle mercaba en Ferrol.

Porén, a Fiscalía acúsaos de entrar en tres casas. A primeira, habitada, en decembro de 2017, en Oleiros. Sorprenderon a muller no cuarto de baño e, supostamente, agarrárona polo pescozo, tirárona enriba dunha cama e puxéronlle unha pistola no pescozo. O marido, ao escoitar os berros, foi correndo ao cuarto. Alí reducírono e obrigárono a que lles dese as chaves do garaxe. Despois fuxiron, tras arrebatarlle á muller un colar valorado nuns 2.500 euros.

Semanas máis tarde, segundo o fiscal, entraron a roubar noutra vivenda de Oleiros da que levaron xoias cuxo valor supera os dous mil euros. E acúsaos tamén de asaltar unha terceira casa, esta no concello de Culleredo, da que fuxiron con sete mil euros en efectivo e xoias valoradas en case 400 euros. Por todos isto, pide para cada un deles dez anos de cadea.

As súas defensas piden a libre absolución.

Joaquín de la Vega, avogado da defensa: "Nos tres asaltos roubáronse unha serie de obxectos de certo valor e na entrada e rexistro que se lle efectuou o meu cliente non apareceu ningún obxecto de roubo".

Manuel Ferreiro, avogado da defensa: "As probas que achega a Garda Civil en relación co meu defendido serían nos dous últimos roubos e que foi visto a bordo do vehículo que conducía o outro investigado".

O xuízo continúa mañá coa declaración das vítimas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/04/2019