CRTVG

Buscar

Xulgan a acusada de asasinar o seu fillo autista de oito anos en Elda

Publicado o 16/11/2020 13:48

Comezou en Alacante o xuízo contra unha muller acusada de matar un neno de oito anos, con autismo, que tiña acollido a súa parella sentimental. A muller intentou que parecese que dous encapuchados atacaran o pequeno, pero a policía non a creu.

Os feitos aconteceron en agosto do 2017 na localidade alacantina de Elda. Dominique, un neno de oito anos e con autismo estaba na casa do seu pai de acollida coa acusada, compañeira sentimental do home e con discapacidade auditiva.

Foi entón cando, segundo contou a muller, dous descoñecidos asaltaron a vivenda para roubar e violala, pero que desistiran disto último ao ver que estaba embarazada. Despois golpeárona na cabeza e, cando espertou, viu o neno morto no chan.

Todo fora unha montaxe

O relato non convenceu a policía, que, tras un ano de investigación, concluíu que todo era unha montaxe: que a muller esganou o neno cunha camiseta, que tirou obxectos polo chan para simular un roubo e que esgazara a súa roupa para que parecese que intentaran abusar dela.

O xuízo con xurado popular comezou esta mañá na Audiencia Provincial de Alacante. Alí viríronse momentos de tensión coa chegada da acusada, á que agardaba a nai biolóxica do pequeno Dominique.

A suposta autora do crime, de 33 anos, está acusada dun delito de asasinato e doutro de simulación de delito, polo que a Fiscalía pedirá para ela prisión permanente revisable.

 

Noticias web

16/11/2020