CRTVG

Buscar

Xuízo por un accidente laboral en que morreu un home de 44 anos en Vilalba

Publicado o 14/02/2019 14:12

Os xulgados de Lugo acolleron o xuízo derivado dun accidente laboral rexistrado en abril de 2015 no que falecera un home de 44 anos. No banco dos acusados sentou o administrador da empresa para a que traballaba a vítima, dedicada á tala de madeira. A fiscalía solicitaba inicialmente unha pena de tres anos de prisión por un delito contra a vida e a saúde dos traballadores cun delito de homicidio por imprudencia grave, ao considerar que se infrinxiran as normas de seguridade laboral, e reclamábanlle ao acusado e á entidade aseguradora da empresa que indemnizaran o fillo do falecido con 75.000 euros.

Finalmente, a acusación particular retirouse da causa logo de chegar a un acordo económico previo e a fiscalía modificou a súa petición de pena, reducíndoa a só un ano de prisión. Con todo, suspendeuse a execución da mesma dado que o acusado carece de antecedentes penais.

Os feitos obxecto de xuízo aconteceran nesta parcela de Goiriz, no concello de Vilalba. A vítima estaba a talar árbores cando unha delas lle caeu encima e lle provocou fracturas múltiples que lle causaran a morte practicamente no acto.

Os sinistros mortais relacionados coa corta e poda de árbores son moi frecuentes tanto a nivel profesional no sector dos madeiristas como entre particulares que realizan este tipo de traballos nas súas leiras. No que vai de ano, morreron en Galicia sete persoas debido a accidentes destes tipo. As tres últimas mortes rexistráronse a semana pasada, con sinistros nos concellos de Brión, As Nogais e Nigrán.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/02/2019